Martes, 10 Decembro de 2024

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona colabora con Femupo

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona colabora con a  Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) que activa o Plan Corresponsables para favorecer a conciliación de familias con menores dende un enfoque de igualdade entre mulleres e homes.

O Plan Corresponsables Femupo xorde baixo un convenio de colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. O obxectivo é desenvolver un dos principais eixes do Plan Nacional de Corresponsables que consiste en transformar o coidado de menores en actividade laboral regulada e facilitar a conciliación familiar e laboral.

“Para Femupo supón un gran impulso como federación xa que nos converte na agrupación social e feminista referente do Plan Corresponsables na provincia de Pontevedra,” declara Raquel Touriño, presidenta de Femupo. “Isto vainos facilitar medios para levar a cabo multitude de accións por toda a provincia e así expandir a nosa filosofía de traballo co obxectivo de acadar a igualdade das mulleres.”

Un dos principais eixes do Plan Corresponsables Femupo é a formación gratuíta para que as mulleres poidan acceder ao Certificado de profesionalidade no coidado de menores de ata 16 anos. O Plan contempla ademais a creación dun censo laboral que se porá a disposición de empresas e administracións que busquen persoas dispostas a traballar no coidado de menores

Con esta iniciativa, búscase favorecer que mulleres poidan acceder a empregos de calidade nos seus lugares de residencia ou exercer profesionalmente unha actividade que viñan desempeñando de maneira non formal.

“Temos que ser conscientes de que hoxe en día conciliar o traballo cos coidados familiares supón facer malabares. Hai que investir e educar para facer real a corresponsabilidade de maneira que os coidados se compartan e deixen de ser cargas na vida familiar,” comenta Touriño.

Levaránse a cabo, entre outros, accións de formación encamiñadas a un futuro recoñecemento da experiencia laboral das mulleres, como por exemplo a acción formativa de manipulación de alimentos; primeiros auxilios, competencias básicas ou competencias dixitais.

O acordo enmárcase na aposta da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona pola conciliación e a corresponsabilidade e a creación de emprego de calidade.

As persoas que desexen participar neste programa formativo poden anotarse chamando ao Centro de Información á Muller de Baiona (CIM) no 986 35 75 54.