“A policía Local non fixo ningún tipo de control permanente durante o verán no mercado de Sabarís, permitindo a venda sen Licencia Municipal para exercer a actividade” denuncia a Asociación Galega de Ambulantes Autónomos (AGAA) nun comunicado remitido aos medios de comunicación.
A Asociación denuncia o que cualifica de “falta de control do Concello de Baiona no mercado de Sabarís” que se celebra os luns, recollendo as queixas das e dos comerciantes con licenza para a venda ambulante que aseguran que “a Policía pasa e mira para outro lado, só lle pide a licenza a quen xa saben que a ten”. Esta actitude, asegura a AGAA, provoca unha situación “de competencia desleal” que prexudica aos comerciantes debidamente autorizados.
Nas dúas últimas feiras –explica a presidenta da Asociación, Margarita González, “foi cando a Policía local comezou a pedir as licenzas que, como sempre cando se cumpre a data de límite de pago das taxas semestrais por ocupación da vía pública, comezan a facer o seu traballo e esquécense ata dentro de 6 meses”.
A AGAA solicítalle ao alcalde de Baiona e ao concelleiro de Comercio que “ordene o control continuo todos os luns do ano e así poder ter un mercado seguro para os usuarios que como consumidores poden esixir os seus dereitos”. Nese sentido a Asociación Galega de Ambulantes Autónomos lembra que cos comerciantes sen licenza “os consumidores non teñen onde reclamar, xa que non están á vista os datos do comerciante”.