Luns, 24 Marzo de 2025

Redondela remite o resultado da análise do verquido de maio á Xunta que apunta a Aucosa

O pasado 22 de xuño o Concello detectou outra mancha moi similar nas inmediacións da praia de Arealonga da que se tomaron novas mostras

O departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela enviou á dirección xeral de Cambio Climático da Xunta de Galicia, á de Gandería e a Augas de Galicia sendas copias co resultado do informe analítico do verquido detectado nas inmediacións da ponte de Rande o pasado 26 de maio. O laboratorio comparou a mostra tomada na Ría polos técnicos mediombientais do Concello con outras dúas recollidas nos tanques das instalacións da devandita empresa. Finalmente, o traballo de laboratorio comprobou que a substancia presente nas tres mostras parece ser da mesma natureza dacordo coa comparativa de perfís realizada.

Asemade, o informe do inspector medio ambiental do Concello de Redondela corrobora no informe final remitido á Xunta que queda acreditado que a substancia das tres mostras é a mesma, tal e como recolle a conclusión final do traballo técnico que afirma textualmente: “A obtención de tres perfís cromotográficos idénticos, na análise realizada polo laboratoio apunta a que a substancia presente  nas tres mostras recollidas e analizadas parece ser a mesma”.

Esta mesma semana apareceu, nas inmediacións da praia de Arelonga unha nova mancha moi similar á atopada en maio, de cor alaranxada, compacta, moi aceitosa e cun forte olor a peixe,  da que se tomaron novamente mostras que serán analizadas.

Á espera das accións que leven a cabo os organismos competentes da Xunta de Galicia, o Concello de Redondela requirirá por vía administrativa a Aucosa o custo da analítica efectuada no verquido de maio e da que se encargou o pasado 22 de xuño, en caso de que o resultado desta última sexa o mesmo.