Xoves, 12 Decembro de 2024

Redondela reforma as oficinas do Rexistro Xeral do Concello

Os traballos converterán ese espazo, polo que pasan a diario dúcias de veciños e veciñas, nun lugar accesible, próximo á cidadanía e “reflexo do século en que vivimos”

As actuais Oficinas do Rexistro do Concello de Redondela teñen os días contados xa que, segundo adiantou o Goberno local que preside Digna Rivas, na vindeira semana está previsto que comecen as obras de reforma e ampliación deste espazo “polo que a diario pasan ducias de veciñas e veciños e que nestes momentos e pola súa antigüidade, non é apropiado nin para os usuarios e usuarias nin para o propio persoal que desenvolve alí o seu traballo”.

As obras, como apunta o Goberno local, amais de ser un primeiro paso para a modernización das dependencias municipais, “permitirá adaptar o Rexistro á Ley de Accesibilidade e á Ley de Procedemento Administrativo”.

Doutra banda, cómpre salientar que a nova oficina, unha vez rematadas as obras, contará cun punto de información dotado cos medios técnicos e informáticos para uso da cidadanía e para facilitar a tramitación da documentación vía electrónica. Será pois, sinalaba a alcaldesa Digna Rivas, “un espazo que, a maiores dun ordenador para uso da veciñanza, contará cunha sala de espera da que agora carece, un punto de información e total accesibilidade para persoas discapacitadas”.

No tempo que duren as obras –que deberán estar rematadas antes do 30 de novembro–, e de cara a minimizar o prexuízo que estes traballos ocasionen á cidadanía, habilitarase unha oficina provisional para atender aos veciños e veciñas.

Creación dun aseo adaptado

Paralelamente ás obras da oficina de Rexistro procederase a reforma dos aseos situados no primeiro andar de cara a que sexan accesibles. “No é de recibo –asegura a alcaldesa de Redondela– que en pleno século XXI unha Concello, que é a casa de todos e todas as veciñas, non teña un aseo deseñado para persoas con discapacidade. Iso non é son incumprir coas normas de mobilidade, senón unha demostración do máis absoluto desinterese polas persoas con mobilidade reducida”.

Para a realización do aseo o proxecto contempla o derrubo dos tabiques que delimitan o aseo actual, adaptando a instalación de fontanería e saneamento ás novas pezas. Os paramentos remataránse con pezas de porcelánico e pintarase o teito. A colocación final dunha porta tipo corredera, garantirá a accesibilidade de todas as persoas con discapacidade.

As obras, tal e como explicou a alcaldesa de Redondela, son posibles grazas ás baixas do Plan Concellos do 2017 “que non foi utilizado na súa totalidade polo Goberno do PP e que agora, corríamos o risco de perder os fondos restantes dese Plan”.

Estas obras son, para Digna Rivas, “un primeiro paso” para adaptar a Casa do Concello aos novos tempos. Trátase, engadiu, “de facer do Concello un lugar accesible, que permita o achegamento da cidadanía á administración e que sexa, en suma, un reflexo do século en que vivimos”, concluíu Digna Rivas.