Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela prioriza a tramitación de facturas ás persoas e empresas provedoras do Concello

A esta medida para evitar problemas de liquidez das e dos provedores, sumará o Goberno que preside Digna Rivas a publicación dunha listaxe de taxas que quedan en suspenso mentres dure a crise do Covid-19

O Concello de Redondela vén de tomar as medidas oportunas para “priorizar ao máximo posible” o pagamento de facturas ás persoas e empresas provedoras do Concello. A medida adoptada polo Goberno que preside Digna Rivas, busca “que os nosos provedores e provedoras non teñan problemas de liquidez e poidan manter a súa actividade laboral e empresarial nestes tempos complicados”, explica a alcaldesa de Redondela.

Trátase, sinalou Digna Rivas, “de medidas encamiñadas a tratar de diminuír o impacto que a crise sanitaria está a producir na economía que, de non tomar medidas correctoras como esta, provocarían falta de liquidez nas empresas e problemas para manter os seus postos de traballo”.

Reducir máis os prazos de pagamento, explica o Equipo de Goberno de Redondela, “é un reto que temos que asumir e as administracións temos que ser conscientes que a crise provocada pola pandemia do COVID-19 fará cambiar o modelo de traballo de todas as administracións”.

Doutra banda, a Alcaldía de Redondela, sempre dentro da restricións existentes en canto á asistencia de persoal e dos prazos administrativos provocada polo estado de alarma, deu as ordes precisas para “avanzar na tramitación dos diversos expedientes de contratación e de subvencións para que o Concello poida axudar a por en marcha de novo a economía mediante a súa dinamización unha vez que se supere a pandemia”, apunta Rivas.

Nese sentido, cómpre sinalar que Redondela foi dos primeiros concellos en tomar disposicións e ditar instrucións para evitar a propagación do COVID-19, instrucións que “posteriormente foron adaptándose e ampliandose a medida que, tanto o Goberno do Estado coma a Xunta ían tomando as correspondentes decisións para afrontar esta crise”, explica o Equipo de Goberno local.

Finalmente, esta vindeira semana, o Goberno local fará pública unha listaxe de taxas que, ou ben quedan en suspenso durante o tempo que dure o estado de alarma do coronavirus o cuxo prazo de pagamento queda prorrogado. “Nunha situación excepcional, as administracións temos que ser quen de adoptar medidas excepcionais de protección dos nosos veciños e veciñas”, remata a alcaldesa Digna Rivas.