Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela presenta unha Programación Cultural de Outono con protagonismo do teatro, a música e o humor

“Estou super orgullosa, como alcaldesa, de presentar esta Programación Cultural de Outono elaborada pola Concellería de Cultura é que está dirixida a todos os públicos e que inclúe todo tipo de actividades”, asegurou Digna Rivas na presentación do amplo programa de actividades culturais, presentación na que estivo acompañada do concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa.

Foi precisamente o responsable da Cultura de Redondela o encargado de presentar o máis que amplo programa de actividades que compoñen a Programación Cultural de Outono que comezará o vindeiro 27 de setembro e se alongará ata o 26 de xaneiro, abranguendo polo tanto boa parte do inverno.

Daniel Boullosa salientaba os eixos sobre os que xira á programación: teatro, humor e música. Nesa liña, o concelleiro de Cultura salientaba a importancia dunha programación teatral “que buscar recuperar o gusto é a asistencia do público polo teatro” xa que, apuntaba Boullosa, “revisadas as taquillas do pasado ano, constatamos que houbo unha moi baixa afluencia de público neste xénero”.

Precisamente por iso, a Programación Cultural de Outono aposta, e moi forte, polo teatro pero, matiza o responsable de Cultura “un teatro de calidade, en galego e con diversas temáticas”. Serán un total de 6 funcións que inician a súa andaina o 12 de outubro con Fillos do Sol e ‘baixará o telón’ o 18 de xaneiro con Casa o Rei. Entre esas dúas actuacións, o público poderá gozar de O furancho, Elisa e Marcela, Invisibles e O electo.

Destacaba Daniel Boullosa que para facer máis doada a asistencia de público, o Concello pon a disposición de interesados e interesadas o ‘Bono 3’, polo que se pode asistir a tres funcións polo prezo de 15 € (10 € reducida) co que se obtén un substancial aforro de 6 euros xa que a entrada, para cada sesión de xeito individual, será de 7 euros (5 reducida). Ademáis, engadía, o prezo reducido para persoas xubiladas, desempregadas e estudantes, “permite que todos os colectivos poidan achegarse ao teatro”.

Na música, cun amplísimo programa “volvemos a tirar de grupos e solistas locais, xente que nos últimos anos non tivo a oportunidade de actuar na súa propia vila e ante a súa xente, e que agora o poderán facer”. O mesmo acontece no caso dos grupos musicais “que contan con compoñentes de Redondela que poderán amosar a súa arte ao seus veciños e veciñas”.

A música ten o seu complemento cun máis que interesante ciclo de piano que, ao longo dunha semana, terá dúas clases de programación, unha dela para o público do conservatorio e outra tamén para o público en xeral.

O humor conta tamén cun importante espazo nesta programación “recuperando os monólogos que correrán a cargo de nomes que garantizan o éxito da iniciativa como o de Luis Zahera (3 de novembro), Candido Pazó (1 de decembro), Miguel Lago (19 de xaneiro) para pechar 0 16 de febreiro con El Sevilla.

Pola súa banda, alcaldesa Digna Rivas, que felicitaba ao concelleiro de Cultura por unha programación “na que hai actividades para todos os gustos e para todas as idades”, destacaba ademáis que tiña un importante compoñente “desa transversalidade en igualdade e diversidade que dende o Goberno local buscamos en todos os actos que se organizan”.

Adiantaba Digna Rivas que “independentemente da programación que desenvolveremos o día 25, Día Internacional contra a Violencia de Xénero” a Programación Cultural de Outono inclúe tamén iniciativas “que son bandeira de igualdade” e nese sentido subliñaba “a honra que supón para Redondela que o día 24 de novembro sexamos o lugar onde se estree o recital Literarias con Isabel Blanco, Mariana Carballal e Silvia Penas”.

Nesa liña, “ademáis do teatro que comentaba Daniel, –apuntaba a alcaldesa de Redondela– temos o día 14 de decembro unha obra de teatro que vai dar moito que falar, como é Invisibles, e estou encantada que esta obra de teatro se poida ver aquí en redondela”. Lembraba Digna Rivas que Invisibles pon á chamada de atención “nos malos tratos e a violencia machista”. Por desgracia, engadía, “todos os días estamos a falar de mulleres asasinadas, maltratadas e por iso cremos que a programación cultural ten que, a través do teatro, ser un instumento de denuncia desta lacra social”.

A programación cultural de outono inclúe tamén os roteiros “que son unha magnífica ferramenta para coñecer o patrimonio do municipio”, sinalaron a alcaldesa e o concelleiro de Cultura.

A maiores da programación presentada, outros eventos terán, máis adiante, unha programación específica como é o caso da Batalla de Rande que será presentada no Museo Meirande na semana anterior a súa celebración, ou a programación de Nadal, que tamén contará cunha presentación propia. Doutra banda, como apuntaba Daniel Boullosa, o programa tamén inclúe “un evento que, logo de 20 anos de celebración, está plenamente consolidado como é A Festa da Mazá que se celebra o 5 de outubro en San Esteban de Negros”.