O Concello de Redondela vén de amosar a firme intención de “utilizar todos os recursos legais de que dispoña o Consistorio para evitar que por parte da Autoridade Portuaria de Vigo, se prive aos veciños e veciñas de Redondela dun símbolo do patrimonio industrial do municipio como é o antigo cargadoiro de mineral de Coto Wagner, en Rande”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegurou que “agora queda totalmente claro o motivo polo que a esta alcaldesa privóuselle de participar, como representante do Concello de Redondela e dos seus veciños e veciñas, no Consello de Administración do Porto de Vigo onde se ía a adoptar esta decisión”.
Digna Rivas explica que o Porto de Vigo, por non ser claro, “nin o foi coa orde do día na que figuraba a presentación dun informe verbal sobre o cargadoiro, cando o que realmente se presentou foi un dossier realizado por unha empresa de arquitectos sobre o que se votou a necesidade de derrubar a estrutura”.
O máis sangrante do caso para a alcaldesa de Redondela, é que en ningún dos informes presentados fágase referencia a que é un ben incluído dentro do catálogo patrimonial da Xunta de Galicia, e polo tanto a valoración patrimonial correspondente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Rivas non nega o ostensible deterioro do cargadoiro de Coto Wagner, un deterioro do que é responsable a Autoridade Portuaria de Vigo tal e como sinala o informe dun estudo de arquitectos encargado polo anterior goberno de Redondela, no que se sinala textualmente que “… o estado actual da plataforma non é o máis adecuado, pero en ningún momento fai fincapé na obriga dos propietarios, a Autoridade Portuaria de Vigo, de manter en perfecto estado tanto de uso como de protección ao entorno ou ás persoas”, para engadir a continuación que “o simple mantemento rutinario desta propiedade faría que non se tivera chegado á situación actual”.
E dicir, aclara a alcaldesa de Redondela, “que houbo unha clara omisión na responsabilidade que o Porto de Vigo tiña no mantemento desta estrutura tanto para a conservación da mesma como para a protección das persoas”.
Nese mesmo informe, recoméndase non esquecer “… que estamos ante un elemento fundamental do antigo patrimonio industrial e por tanto, unha testemuña clave da Arquitectura Industrial da Enseada de San Simón, como pode ser a Fábrica do Alemán, actualmente recuperada…”
Todo iso, engade a alcaldesa de Redondela, “obviase, tápase e trátase a un ‘elemento fundamental do antigo patrimonio industrial’, como di o informe, como se fora un montón de lixo que non ten o máis mínimo valor”.
Digna Rivas afirmou con rotundidade que o goberno local “non vai quedar de brazos cruzados mirando como se ignora a vontade dos veciños e veciñas e como se destrúe unha parte importantísima da historia industrial do municipio e do seu patrimonio”. A solución, engade a rexedora local, “pasa pola súa rehabilitación e conservación, nunca polo seu derrubo e destrución”.
Remata Rivas amosando a firme intención do Concello “de utilizar todos os medios ao seu alcance para evitar que, do xeito máis alevoso, se atente contra o patrimonio industrial do municipio e, de xeito intencionado, evítese que o Concello teña a voz e o voto que lle tería correspondido no Consello de Administración”.