Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela habilitará as medidas necesarias para que o alumnado poida seguir as clases de xeito non presencial

A Concellería de Ensino en colaboración cos centros educativos e Protección Civil, achega as tarefas escolares aos domicilios dos nenos e nenas que carecen de internet ou de ordenador

“O Goberno local habilitará todas as medidas necesarias para que as e os escolares poidan seguir as clases de xeito non presencial” asegurou hoxe a concelleira de Educación do Concello de Redondela, Olga García Ballesteros.

García Ballesteros lembrou que, dende máis dunha semana “e de xeito coordinado cos distintos centros escolares”, voluntarios e voluntarias de Protección Civil achegan as tarefas escolares “aos nenos e nenas que, ou ben carecen de conexión a internet ou que non dispoñen de ordenadores nas súas casas” segundo un listado elaborado polos propios colexios e institutos.

A esta medida engádese agora a distribución dos ordenadores que posúen os centros escolares “ao alumnado que non dispón de ordenador na súa casa” e, a esta medida, engadirase nas datas inmediatas, a posta a disposición dos alumnos e alumnas que carezan de conexión a internet no seu domicilio “de dispositivos que lles permitan conectarse á rede para que poidan seguir as clases de xeito non presencial”.

A impresión das tarefas, lembra Olga García, “faise só para aqueles e aquelas que non teñen posibilidade de seguir as clases online, xa que para realizar as tarefas –segundo indicaron os propios centros escolares– non é preciso imprimir os exercicios propostos”.

Pola súa banda a alcaldesa, Digna Rivas, salientou que, a estas medidas, “iranse engadindo outras que dependerán da evolución da crise sanitaria e do estado de emerxencia”. En todo caso, engadiu a rexedora local redondelá, “ningún alumno ou alumna quedará sen poder seguir o curso escolar por falta de medios”.

Rivas agradeceu “o traballo que están a realizar os centros escolares e as profesoras e profesores” na grave situación que se está a atravesar” e salientou a importancia do “traballo coordinado e meticuloso” que están a realizar o Goberno local e os centros escolares “encamiñado a diminuír o impacto deste estado de alarma sobre as e os escolares e o seu progreso académico”.