Mércores, 11 Decembro de 2024

O Goberno local fai un “balance positivo” dun Entroido de Verán n o que participaron máis de 25.000 persoas

O Goberno local de Redondela vén de cualificar de “moi positivo” o balance do recentemente celebrado ‘Entroido de Verán’ tanto no que fai referencia á asistencia de público, cifrada pola Policía Local en máis de 25.000 persoas, coma na “viraxe da programación con respecto a outros anos” que ofrecía unha festa máis familiar, con numerosas actividades infantís e afastada da imaxe de macrobotellón de anos anteriores.

Segundo a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, a afluencia de público fixo preciso que a vía principal “tivera que ser cortada media hora antes do previsto por beirarrúas e contorna da alameda –onde se centraban as actuacións da mañá– estaban ateigadas de familias disfrazadas”.

Algo similar acontecía horas despois cando as familias e grupos de amigos e amigas “abandonaban os bares e restaurantes nos que se celebraron as tradicionais comidas do Entroido”.

Afluencia escalonada

Un elemento que o Goberno local destacou á hora de facer unha valoración global do Entroido de Verán, foi “o escalonamento na chegada dos autobuses de transporte público”, o que propiciou que os milleiros de persoas que querían participar na festa, sinala a Policía Local redondelá, “fixérase de xeito repartido e non houbera as avalanchas que caracterizaron as anteriores edicións”.

O incremento do dispositivo de seguridade, deu como froito que, entre as 12 horas do sábado 24 de agosto e as 10 horas do domingo 25 de agosto, “o número de chamadas recibidas en dependencias policiais e directamente relacionadas coa festa, viuse sensiblemente reducida respecto a anos anteriores”.

Os datos aportados por Protección Civil rebaixan a cifra de incidencias a case que a metade das rexistradas o pasado ano

Nesa mesma liña, Digna Rivas e Daniel Boullosa amosaron a súa satisfacción polas cifras achegadas polo xefe coordinador de Protección Civil, datos que “amosan que o número de incidencias reducíronse case que a metade en relación coas do pasado ano”. Os datos, nese sentido, son claros: o Entroido deste ano rexistrou un total de 35 incidencias fronte as 57 da pasada edición o que supón un descenso de máis dun 60 %.

Esa diminución reflectiuse tamén nas saídas que tiveron que facer as ambulancias, que tan só tiveron que mobilizarse dúas veces fronte as catro do 2018.

Programación máis familiar e éxito das actividades para nenas e nenos

O concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, quixo chamar a atención sobre a boa acollida que tivo o cambio de programación con respecto a edicións anteriores. Nese sentido, destacaba o responsable de Cultura a extraordinaria acollida do concerto de ‘De Vacas’ que abría a programación “e no que público de todas as idades abarrotou o espazo onde se celebrou ata case que a media noite”.

As actividades infantís tiveron tamén unha moi boa acollida e nenos e nenas participaron activamente nos obradoiros, concertos e actividades especialmente desñadas para eles.

Redución do efecto botellón

Era uno dos obxectivos claros que tiña o Goberno local para este Entroido de Verán 2019, afastar a imaxe de macrobotellón que levaba asociada esta celebración dende hai tempo. Ainda que é un efecto que non se pode eliminar dun día para outro, sinalaban Digna Rivas e Daniel Boullosa, o certo é que a celebración de actividades en diferentes lugares do casco urbano “tivo o efecto de atrasar o botellón”.

Tanto así que os datos aportados polos servizos médicos dan conta que o primeiro caso de intoxicación etílica foi atendido pasadas as 21 horas, “cando en anos anteriores, a primeiras horas da tarde, o hospital de campaña xa tiña que atender numerosos casos destas características”.

Punto Violeta e Punto Arco da Vella

Era o primeiro Entroido cun enfoque claro e decidido tanto na igualdade como no respecto á diversidade e, neste último aspecto, o Entroido de Verán 2019 foi o primeiro en contar cun Punto Arco da Vella, no que se ofrecía información sobre a diversidade sexual e ao que, durante toda a noite, atendeu a numerosas persoas que se achegaban ata ese posto para solicitar información.

Algo similar, sinala a alcaldesa Digna Rivas que tamén leva a responsabilidade da Concellería de Igualdade, acontecía co Punto Violeta “ao que, durante toda a xornada, achegáronse máis de 700 persoas para solicitar información sobre todo o relacionado coa igualdade e a violencia machista”.

Os datos ofrecidos polas técnicas de igualdade que atendían o Posto Violeta, son realmente optimistas xa que, aínda con maioría de mulleres, “foron moitos os homes, –a meirande parte deles maiores de 30 anos–,os que ao longo da noite solicitaron información sobre todo o relacionado coa igualdade “o que amosa que, cada día, increméntase o grao de implicación da sociedade tanto na igualdade, coma na violencia machista ou en poñer freo as agresións sexuais”.

Este Entroido supón un punto de inflexión entre o que era ata o de agora e o que o Concello quere para todos os veciños e veciñas, “unha festa para todas as idades, con actividades variadas e dinamizadora da hostalería local”

En resumo, o Goberno local amosouse satisfeito por un Entroido de Verán que, sinalaron Digna Rivas e Daniel Boullosa, “marca un punto de inflexión no que era a festa ata o de agora e traza o camiño do Entroido de Verán que queremos para os redondeláns e redondelás, unha festa para todas as idades, con actividades variadas e que, ao mesmo tempo, cumpra co obxectivo de dinamizar a hostalaría local de quen partiu, hai anos, a idea desta celebración”.

Por último o Goberno local quixo agradecer ao persoal do Concello, o traballo realizado non só durante o Entroido, senón has horas posteriores ao mesmo de cara a que, a mañá seguinte, “a vila recuperara a normalidade polo esforzo realizado dende os distintos departamentos municipais que traballaron arreo, antes de abrir o día, para que a normalidade fora case que total”.