“As parroquias de Redondela acollerán, cada quince días, unha serie actividades que contribúan activamente ao empoderamento da muller, a acadar unha igualdade real entre homes e mulleres e a erradicación das violencias machistas”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas trala celebración, na pasada semana, do primeiro Consello Municipal da Muller deste mandato.
Entre outros puntos, este organismo municipal presidido pola concelleira de Igualdade, neste caso a propia alcaldesa Digna Rivas, tratou das actividades a desenvolver durante o vindeiro ano. Unha das propostas que rexedora local presentou, para ser sometida a votación, era ou ben continuar cos minutos de silencio tal e como se viñan facendo ata o de agora, proposta que foi rexeitada por unha ampla maioría do Consello, ou ben desenvolver nas parroquias dúas veces ao mes programas dirixidas ao empoderamento feminino, opción esta última que acadou o respaldo do Consello.
As actividades a realizar nas parroquias desenvolveríanse en tres días no que, un deles estaría destinado a unha Xornada de Convivencia, un segundo día de charlas coloquio, con temas elixidos polo Consello Municipal da Muller e, finalmente un terceiro día destinado a talleres de igualdade que correrían a cargo de técnicas tituladas en Igualdade.
“En cada unha das xornadas de convivencia –aclara Digna Rivas–, desenvolveríase o minuto de silencio co que conséguese, por unha banda, que as veciñas e veciños das parroquias poidan participar nestas mostras silenciosas de repulsa á violencia machista –ás que tamén pode sumarse veciñanza doutras parroquias– e, por outra banda, estariamos a facer dous minutos de silencio ao mes, co que se lle daría maior visibilidade”.
Cómpre salientar, sinala a concelleira de Igualdade e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que o Consello Municipal da Muller “é un organismo no que están representados todos os colectivos de mulleres de Redondela, sindicatos e representantes dos partidos políticos” e que, polo tanto, “adopta as súas decisións libremente e de xeito totalmente democrático e transparente”.
Asegurar que “a alcaldesa elimina os minutos de silencio”, recalca Digna Rivas, “non só é unha falsidade, senón unha terxiversación interesada do acontecido no Consello Municipal da Muller, amais dunha falta de respecto ás decisións adoptadas polo propio Consello”.
Digna Rivas adiantou que o día 11 de novembro, haberá unha reunión extraordinaria do Consello da Muller para concretar todas as actividades que se van facer cara ao día 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.