Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela asegura que as obras da PO-250 que realiza a Xunta “non resolven os problemas desta estrada” e non teñen en conta as peticións municipais

A alcaldesa Digna Rivas lamenta que os responsables autonómicos incumpriran o acordo de manter unha reunión previa e “preferisen visitar as obras acompañados do exalcalde e concelleiros do PP”

“As obras que se realizan na PO-250 Redondela-Pazos por parte da Xunta de Galicia non resolven os graves problemas que ten esa estrada e se perde a oportunidade de facer unha reforma de calado”, afirmou hoxe a alcaldesa Digna Rivas ao valorar uns traballos que comezaron hai unha semana sen que, tal e como se acordara no seu momento, houbera unha xuntanza previa para estudar as melloras propostas polo Goberno local.

Para a alcaldesa redondelá, que os responsables da Xunta acudiran ao inicio das obras acompañados polo exalcalde e concelleiros do PP, sen tan sequera avisar ao Concello ou á Alcaldía de Redondela, supoñen “unha falta clara de lealdade institucional”. Rivas lembrou que o Concello sempre actuou co resto das administracións, “co máximo respecto e a maior lealdade dende o convencemento de que o benestar da veciñanza, está por encima de calquera consideración partidista”. Actitudes como esta, engadiu, “non son só unha falta de respecto á institución municipal, senón a toda a cidadanía a quen o Concello de Redondela representa”.

O Goberno local teme que, co inicio destes traballos e sen que se teñan en conta as melloras que sobre ese treito incluído no casco urbano, propuña o Concello “se estea desaproveitando unha extraordinaria oportunidade para solucionar, definitivamente, os graves problemas de seguridade viaria que reviste esa estrada tanto para os e as viandante coma para os vehículos”.

A pouca información que, sobre estes traballos, ten o Concello, “conseguiuse tras as insistentes chamadas da Alcaldía aos responsables de estradas da Xunta e, aínda así, posuímos agora información incompleta e en ningún lado consta que se vaia facer caso das recomendacións trasladadas polo Goberno local á Xunta”, matiza a rexedora local.

No mes de maio do 2020, explica a concelleira de Urbanismo, María Castro, un informe técnico do Concello de Redondela remitido á Xunta de Galicia “detallaba algúns dos problemas desa estrada” facendo referencia, entre outros moitos, ao mal estado do firme o que supuña “un problema grave para unha estrada que rexistra un enorme volume de circulación de vehículos lixeiros e tráfico pesado”.

Nun escrito posterior, a alcaldesa de Redondela insistía sobre a necesidade “urxente” de mellorar a seguridade viaria e daba conta da “perigosidade” que revestía esa vía para os peóns que, pese á antedita alta densidade de tráfico conta “con beirarrúas que, nalgúns treitos, apenas acadan os 90 cm”.

Noutros escritos do mes de outubro e novembro, o Concello pedía a Xunta de Galicia actuacións concretas como a creación dunha zona segura de velocidade máxima de 20 km/h (como no resto do casco urbano) amais de “actuacións para o calmado de tráfico tan sinxelas como a instalación de pasos de peóns elevados, sinalización lumínica e mellora da sinalización tanto horizontal como vertical”. A estes problemas “xa de por si graves para a seguridade viaria da zona”, engadíase a existencia de un muro semiderrubado que supuña un perigo para a integridade das e dos viandantes.

Se ben a reconstrución do antedito muro con perigo de derrubo, era unha das demandas do Goberno local redondelán, “traballos que deberían estar feitos hai meses por tratarse de obras imprescindibles para a seguridade viaria –aseguran María Castro e Digna Rivas– as obras deberían incluír as demandas do Concello sobre actuacións encamiñadas a mellorar a seguridade viaria, tanto de peóns como de condutores e condutoras”.