Mércores, 7 Maio de 2025

Policía Local e Nacional de Redondela traballan na vixilancia das medidas adoptadas para evitar a propagación do coronavirus

Axentes dos dous corpos de seguridade patrullan as rúas para comprobar a correcta aplicación das medidas incluídas no estado de alarma decretado polo Goberno

Policía Local e Policía Nacional de Redondela traballan, de xeito coordinado, na vixilancia do cumprimento das normas marcadas no estado de alarma decretado polo Goberno Central para evitar, na medida do posible, a propagación do coronavirus, controlando o peche dos establecementos e recomendando a veciños e veciñas que permanezan nas súas casas.

Na noite de onte sábado, logo do anuncio do estado de alarma por parte do presidente Sánchez e das medidas que dita situación contempla, reuníase as o Comité de Seguimento do Concello de Redondela, de cara a facer público un bando no que se recolle unha terceira batería de medidas que se engaden as xa anunciadas polo Executivo local nestes pasados días.

Así pois, a alcaldesa Digna Rivas, nun bando asinado ás 23:00 h de onte sábado, recalca a importancia de “seguir as recomendacións dadas polas autoridades sanitarias e administrativas competentes”. O bando da Alcaldía redondelá insiste na importancia de permanecer, nos establecementos de venda de alimentos “o tempo estritamente necesario e sempre mantendo as distancias de seguridade”.

Doutra banda, limítase a entrada ao cemiterio municipal de Mañó “a un máximo de 25 persoas” seguindo o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia.

Para garantir a saúde da veciñanza, o Equipo de Goberno de Redondela acordou o peche “de todas as fontes públicas conectadas á rede pública de abastecemento de auga” en todo o termo municipal.

Todos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, quedan interrompidos e o cómputo de ditos prazos “reanudarase no momento en que perda a vixencia o real decreto que determina o estado de alarma o no seu caso as prórrogas do mesmo”.

Finalmente lémbrase a veciñanza que queda suspendida a atención ao público nas oficinas municipais durante os vindeiros 15 días, agás casos de urxencia que, “en todo caso, deberán solicitarse baixo cita previa nos teléfono s 986 400 300 ou 986 402 865.

O Equipo de Goberno do Concello de Redoncela lembrou que se trata “dunha situación excepcional” e logo de facer un chamamento “á tranquilidade” lembra que unha parte moi importante na loita contra a propagación do Covid-19 “é que todos nós, veciñas e veciños, actuemos con responsabilidade seguindo, en todo momento, as recomendacións das autoridades sanitarias e administrativas”.

A alcaldesa Digna Rivas deu conta que as medidas adoptadas “son seguidas pola gran maioría da veciñanza do municipio” aínda que lamentou a “irresponsabilidade e falta de solidariedade” dun pequeno grupo de mozos e mozas aos que “a Policía Local e Policía Nacional tivo que disolver porque, desatendendo todas as recomendacións, estaban ‘de botellón”.

É non obstante, sinalou Rivas, “un caso illado xa que a case totalidade da veciñanza de Redondela actúa cunha responsabilidade e solidariedade da que, como alcaldesa, síntome fondamente orgullosa”. “Nestas situacións difíciles son nas que as veciñas e os veciños amosan a súa capacidade de ser responsables e axudarse uns a outros, seguindo as recomendacións pertinentes”.