Os pasados 22 e 23 de decembro, Papá Noel fixo un percorrido por todas e cada unha das parroquias de Redondela, nunha iniciativa pioneira que buscaba que as nenas e nenos puidesen gozar do Nadal, independentemente do seu lugar de residencia.
Nun coche descapotable –o frío do inverno non supón impedimento algún para quen ten a súa casa no polo norte– Papá Noel parou diante das casas, falou cos nenos e nenas, entregoulles caramelos –embolsados segundo os protocolos anticovid– e escoitou esas peticións de última hora, que sempre as hai.
Os máis pequenos e pequenas, apunta a alcaldesa Digna Rivas, “tiveron que soportar un confinamento e restricións na súa vida cotiá e sempre mantiveron unha actitude exemplar, por iso queremos achegar o Nadal aos seus fogares para que poidan manter viva a ilusión por estas festas como sempre o fixeron, cheos de ilusión e ledicia”.

Nunha crise sanitaria sen precedentes e que debuxa novas formas de facer as cousas, hai que reinventarse e cambiar as formas para manter o fondo. De aí que o Concello de Redondela busque achegar o Nadal e Papá Noel aos nenos e nenas dos núcleos parroquiais. “Evitamos dese xeito que as e os máis peques teñan que desprazarse e saír da súa contorna habitual e, ao mesmo tempo, evítanse aglomeracións á hora de ver a Papá Noel nos núcleos urbanos como Chapela e Redondela”, explica o Goberno local.
Por outra parte, Papá Noel estivo onte na Alameda Rosalía de Castro de Chapela e durante a mañá de hoxe, 24 de decembro, recibiu a visita das nenas e nenos pola mañá e pola tarde.