Que os máis cativos e cativas de Redondela comecen a tomar contacto coa historia do municipio e as súas tradicións, é o que busca a iniciativa posta en marcha polo Concello coa colocación de chamativos paneis informativos protagonizados polos Bolechas, nos recentemente remodelados parques infantís da Xunqueira e da parroquia de Trasmañó.
Mentres que na área infantil da Xunqueira, ‘Os Bolechas’, a familia xurdida da imaxinación de Pepe Carreiro, explican detalles sobre a Festa da Coca nunha linguaxe adaptada aos pequenos usuarios e usuarias da instalación, o parque de Trasmañó ofrece detalles sobre a Batalla de Rande, acontecemento intimamente ligado á súa parroquia.

Trátase, sinalan a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Parques e Xardíns, Alberto Álvarez, “que os máis pequenos e pequenas comecen a coñecer a historia de Redondela e o fagan dun xeito lúdico e, sobre todo, moi divertido e para iso ‘Os Bolechas’ que son un referente para nenos e nenas, o poden facer mellor que ninguén”.
A iniciativa non queda cinguida a estes dous parques infantís senón que, tal e como explica a alcaldesa de Redondela, “estenderase aos demais parques do municipio a medida que vaian sendo reformados e, en cada un de eles, ‘Os Bolechas’ explicarán as tradicións propias da parroquia”.