Domingo, 4 Maio de 2025

O ‘Videosaúdo con Papá Noel’ posto en marcha este Nadal para nenos e nenas de Redondela, acada máis de 2.700 visitas nas primeiras 48 horas

En www.nadalenredondela.com, e introducindo o seu nome, os nenos e nenas de Redondela poden recibir un saúdo personalizado do mesmísimo Papá Noel, nun proxecto realizado e desenvolvido integramente dende Redondela

O ‘Videosaúdo con Papá Noel’, realizado integramente en Redondela, está a ser o éxito deste Nadal. En tan só 48 horas –dende a noite do martes ata a noite do xoves– a páxina www.nadalenredondela.com, rexistrou máis de 2.700 visitas de nenas e nenos aos que Papá Noel, dende a súa casa, transmitíalles a súa felicitación de Nadal e explicáballes todo o traballo que lle queda por facer ata levar os agasallos aos seus fogares.

O proxecto, desenvolvido integramente en Redondela e ideado por un funcionario do Concello, permite que os rapaces e rapazas, logo de introducir o seu nome, poidan recibir un saúdo totalmente personalizado de Papá Noel. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a extraordinaria acollida desta páxina que, dixo, “forma parte das iniciativas que durante este Nadal se dirixirán aos nenos e nenas. Non imos permitir que a pandemia que estamos a vivir, que nos priva de moitísimas cousas, prive aos máis pequenos e pequenas da ilusión do Nadal”.

Precisamente, cativos e cativas terán a oportunidade, do 15 ao 24 de decembro, de visitar a Casa de Papá Noel, instalada na alameda de Castelao. Este ano, e debido ás medidas de seguridade sanitaria, nenos e nenas non poderán entrar na casa e recibirán o saúdo de Papá Noel que estará ás portas da mesma.

Para evitar aglomeracións, o Concello de Redondela habilitou un amplo horario de visitas de xeito que estas pódanse facer de xeito escalonado. Así, do 15 ao 23 de decembro, nenos e nenas poderán visitar a Papá Noel en persoa, entre as 17 h e as 19:30 horas. E o día 24 de decembro, dende as 11 h a 14 horas e de 16:30 h a 19 horas.

Pero Papá Noel tamén estará cos máis pequenos e pequenas de Chapela e o fará na Alameda de Rosalía de Castro os días 20, 23 e 24 de decembro. Os días 20 e 23 poderán visitalo de 17 h a 20 horas, e o día 24 de decembro de 10:30 h a 14 horas.

Finalmente, Papá Noel tamén visitará as parroquias de Redondela para que os nenos e nenas poidan gozar destas datas máxicas do Nadal. O fará os días 22 e 23 de decembro de 16 h a 20:30 horas.