O paseo marítimo de Cesantes acolleu, onte mércores 7 de xullo, a presentación oficial aos medios de comunicación da cuarta edición do KiteFest, que este ano pon en xogo o Trofeo Xacobeo para preto dun centenar de deportistas e que volverá ofrecer todo un espectáculo na enseada de San Simón durante as dúas xornadas que durará o evento.
O acto contou coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o presidente do TMKiteClub, Tato González; Ana Ortiz, Secretaria Territorial da Xunta de Galicia en Vigo; Gorka Gómez, deputado de deportes; Daniel Benavides, Xefe do Servizo Provincial de Deportes; o concelleiro de deportes de Redondela, Nacho González; Manuel Villaverde, presidente da Real Federación Galega de Vela; Walter Álvarez, director territorial de Abanca en Vigo; e Valentín Martín, de Mercedes-Benz Louzao.
Tato González, presidente do TMKiteClub, foi o encargado de abrir o acto agradecendo “o apoio dos patrocinadores, colaboradores e institucións xa que a súa axuda é fundamental para que esta fin de semana podamos celebrar a cuarta edición do KiteFest Cesante Trofeo Xacobeo”.
“Durante a fin de semana reuniranse de novo preto de 100 participantes na enseada de San Simón, algo sen dúbida pouco habitual e o que supón todo un reto loxístico e organizativo tanto en terra como na auga. Para o TMKiteClub é un orgullo estar á fronte deste evento e o obxectivo é que a xente llo pase ben, que goce do noso deporte, da nosa ría e que o público poida vivir tamén o espectáculo do KiteFest de forma segura cumprindo, por suposto, con todas as medidas de seguridade fronte ao Covid-19”.
Pola súa banda, Ana Ortiz, secretaria Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, explicou durante a rolda de prensa que “desde a Xunta de Galicia levamos todos estes anos apoiando esta competición e nesta edición, en concreto, a través do Xacobeo. Pola nosa banda non podemos máis que agradecer tamén ao resto de institucións e colaboradores o apoio a este tipo de eventos, xa que fomentar este tipo de competicións é unha maneira de reactivar tanto a economía como o turismo e tamén a nivel cultural”.
O deputado de Deportes, Gorka Gómez salientou o compromiso da Deputación con este evento “dende o mesmo momento en que se nos presentou este proxecto de kitesurf entendimos que encaixaba perfectamente coa liña que queremos seguir dende a Deputación”.
Gómez destacou a importancia de que as institucións “aposten por este evento e temos que intentar que sexa un referente nacional e, por que non, internacional”.
A encargada de pechar o acto foi Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, quen afirmou que “temos que dar as grazas sobre todo ao TMKiteClub, porque grazas a eles estamos hoxe todos e todas aquí. O club leva catro anos organizando este evento e apostando por Redondela, e eu como alcaldesa estou moi orgullosa e teño que darvos as grazas por querer poñer a Redondela no mapa”.
A rexedora local puxo o foco sobre a contorna na que se vai celebrar o KiteFest “que é un luxo e sabemos que este evento cada ano irá a máis. Sei que de novo este ano será todo un éxito e esperemos que o tempo acompañe, que seguro será así”.
Preto de 100 deportistas e dúas novas categorías para a cuarta edición do KiteFest
O KiteFest Cesantes Trofeo Xacobeo arrincará o sábado a partir das 10:00 horas coa entrega de dorsais e as primeiras actividades en terra. A partir das 13:00 horas, se as condicións de vento permíteno, o Comité de Regatas dará o bocinazo de saída para as primeiras probas das modalidades Foil, Twintip e Surf, que irán seguidas das dúas clases que se estrean este ano na cita: Wingfoil e Windsurf.
O domingo, ademais, celebrarase tamén a exhibición de Freestyle, Big Jump e Strapless, na que os e as deportisas máis experimentadas darán todo un espectáculo de saltos e manobras fronte á praia Cesantes.