A Casa do Concello de Redondela acolleu, na mañá de hoxe, a presentación do ‘II Torneo Intercentros de Xadrez’, nun acto presidido pola alcaldesa Digna Rivas, acompañada polo promotor da iniciativa, o profesor de Matemáticas do IES Pedro Floriani, Miguel Ángel Vidal; concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno e representantes dos distintos centros escolares redondeláns.
Da importancia e aceptación deste torneo fala o feito de que, en tan só dous anos, case que se duplica o número de participantes, pasando dos 80 do primeiro ano, aos 150 cos que se contará nesta segunda edición que se disputará diante do Concello de Redondela, en horario escolar de mañá, o venres previo á Festa do Choco 2020, no vindeiro mes de maio.
O II Torneo Intercentros de Xadrez de Redondela presenta novidades importantes respecto á primeira edición. Por unha banda, no torneo participarán non só centros escolares do municipio de Redondela senón que tamén o farán os de Soutomaior “expandido fronteiras” como se dixo na presentación e abrindo posibilidade de que, en vindeiras edicións, “participen en calidade de invitados outros municipios que contan cunha tradición en xadrez”.
A segunda novidade, reside na modalidade de xogo xa que ás partidas individuais “tradicionais” engádense ás partidas para catro xogadores e xogadoras “por parellas mixtas, de cara a fomentar activamente a igualdade”, sinalábase na presentación.
Miguel Ángel Vidal, explicaba que as partidas de xadrez por parellas tiveron xa unha pequena proba en Zaragoza, pero facíanse “de xeito individual xogando cada participante para si contra os outros tres”. O Torneo Intercentros de Redondela va máis aló e “por primeira vez en España, xogarase por parellas mixtas, é dicir, formando equipo”.
Na presentación deste Torneo, entregóuselles aos centros escolares taboleiros de xadrez especialmente deseñados para “as partidas por parellas” e as normas polas que se rexerán as partidas “que son practicamente iguais ás do xadrez tradicional, agás pequenas variacións”.

Quería Miguel Ángel Vidal –alma mater da materia curricular de xadrez publicada no DOG– chamar a atención sobre o feito de que, con este Torneo Intercentros de Xadrez de Redondela, búscase potenciar “o xadrez educativo e non o de competición”. Nese sentido Vidal subliñaba que o xadrez educativo “está enfocado como unha ferramenta metodolóxica para traballar distintas competencias educativas” e dicir, que non se utiliza para formar xogadores e xogadoras “xa que para iso están dos distintos clubs e a Federación”.
Trátase, polo tanto, de utilizar o xadrez para traballar competencias matemáticas, lingüísticas, e fomentar aspectos como a concentración, o silencio, o traballo en equipo, a igualdade e a integración. “O xadrez, por poñer un exemplo –apuntou Miguel Ángel Vidal– tense amosado como unha ferramenta moi útil para traballar cos nenos e nenas que teñan hiperactividade”.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Turismo, Daniel Boullosa, sinalaba a importancia deste torneo como medio “de favorecer un intercambio tanto cultural coma turístico con outros concellos que teñan tradición en xadrez”. Boullosa non descartaba abrir esta iniciativa, en vindeiras edicións, “ao norte de Portugal e chegar a convertelo nun Open Internacional nado en Redondela”.
Na súa dobre faceta de alcaldesa e concelleira de Igualdade, Digna Rivas agradecía a Miguel Ángel Vidal “que organizara esta edición pensando na igualdade e dándolle visibilidade a través de partidas mixtas”.
Rivas lembraba que o Goberno de Redondela “loita pola transversalidade da igualdade en todas as áreas” polo que no xadrez, aseguraba, “tamén ten que estar presente”. “As mulleres somos o 52 % da poboación e, porén no xadrez a maioría dos que se coñecen como referentes son homes”, explicaba.
Animaba a alcaldesa de Redondela, a seguir o exemplo “de mulleres como Vera Menchik ou Sonja Graf que, no século XIX, foron auténticas revolucionarias na loita de igualdade de xénero no taboleiro de xadrez”, e amosaba a súa satisfacción ao lembrar que “o pasado ano, na primeira edición, dúas nenas estaban entre os gañadores, o que fai patente o pulo que as mulleres temos en todos os aspectos, xadrez incluído”.