A deputada do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Leticia Gallego, visitou esta tarde Redondela para coñecer, in situ, a desastrosa situación en que se atopa a Avenida Mendiño e dar a coñecer que, por parte do grupo socialista e sobre este tema, se presentarán dúas preguntas na Mesa do Parlamento.
A deputada lembrou que no 2018, en vésperas dunhas eleccións municipais, o exalcalde Javier Bas e a conselleira Ethel Vázquez, anunciaban unhas obras “que ían comezar en xuño” cando o certo é que, despois de solicitar reiteradamente o convenio para a realización da obra, este foi remitido en marzo deste ano.

O borrador contiña, a entender da Secretaría municipal, unha serie de cuestións que “segundo a Lei de Réxime Xurídico do Sector Público, necesitaban modificarse ou incorporarse ao texto do convenio”. De feito, nas cláusulas do convenio, facíase referencia a que no importe que correspondía ao Concello estaban “os custes dos servizos municipais de abastecemento e saneamento así como o 50 % do importe do alumeado” incluíase ademáis a semaforización cando o certo, explicaba o Concello no escrito remitido á Xunta de Galicia, “non forma parte dos servizos municipais de prestación mínima polo que debía eliminarse dita referencia”.
Todas estas apreciacións foron remitidas en abril a Axencia Galega de Infraestrutura, quedando constancia da súa recepción pero “sen que ata o momento se teña recibido respota algunha”. O Concello sinala, amais, que “non procede a emisión da retención de crédito ata non ter o texto definitivo” xa que, debido as circunstancias expostas “podería incluso variar a achega municipal definitica ao eliminar, no seu caso, os custos correspondentes a rede semafórica”.

Así pois, nas súas preguntas, o grupo socialista pregunta á Xunta de Galicia, se ten pensado incluír nos Orzamentos do 2021, unha partida suficiente para executar as obras tanto na PO-363 (Avenida de Mendiño) como na PO-250 que permitirían mellorar a mobilidade e seguridade en Redondela. Por outra banda, preguntan á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade “se ten pensado remitir de forma urxente o convenio da estrada PO-363 ao Concello de Redondela.
A alcaldesa Digna Rivas, logo de agradecer a presenza de Leticia Gallego en Redondela “e que o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia se faga eco da inxustiza da que están sendo obxecto o Concello e as veciñas e veciños de Redondela”, insistiu unha vez máis en que o Concello está á espera da resposta da Axencia Galega de Infraestruturas sobre as modificacións propostas polo Concello redondelán.
O máis triste do caso, asegurou, e que obviando esa resposta “a Xunta limítese a sacar unha nota na que, para xustificar o seu silencio, minta descaradamente”. Que unha institución como a Xunta falte á verdade dese xeito “é absolutamente inadmisible e é unha falta de respecto á veciñanza que eu, como alcaldesa de todos e todas sen distinción algunha, non estou disposta a tolerar”.
Pídesenos por parte da Axencia Galega de Infraestruturas “unha retención de crédito, a sabendas que non se pode facer ata que non saibamos con certeza como é o convenio e que parte temos que achegar porque –insistiu a rexedora local– cárganse conceptos como a semaforización, que non corresponde ao Concello e que, polo tanto, fan variar a nosa achega”.