Os servizos xurídicos do Concello de Redondela, trala reunión mantida coa alcaldesa Digna Rivas e co concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, estudan as actuacións a desenvolver para obrigar a que o organismo competente en materia ambiental, neste caso a Dirección Xeral de Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, “actúe e leve a cabo as medidas oportunas para o cese dos malos cheiros provocados pola empresa Aucosa”.
Na mañá do venres, a alcaldesa e o concelleiro de Medio Ambiente mantiñan unha reunión telemática coa directora xeral de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez Castellanos, para buscar unha solución “urxente” ao problema dos malos cheiros provocados pola empresa Aucosa.
Na xuntanza –na que tamén participou unha representación dos veciños de Rande, Trasmañó e Chapela directamente afectados polo problema–, os representantes municipais deixaron constancia da imposibilidade de seguir alongando no tempo unha situación “que afecta directamente tanto á saúde como a calidade de vida das veciñas e veciños” e fixeron especial fincapé no incumprimento “reiterado” por parte da empresa, dos compromisos adquiridos tanto co Concello de Redondela coma coa propia Xunta de Galicia “de ter rematadas en novembro as obras das instalacións que puxeran fin aos malos cheiros”.
A maiores, a empresa asegurou que as obras serían rematadas no mes de decembro aproveitando que durante dúas semanas, por mor do Nadal, non habería actividade na planta “o que supuxo unha nova tomadura de pelo porque nin se avanzou nas obras nin se parou a actividade agravándose, aínda máis, os problemas dos malos cheiros”, sinalan Rivas e Villar.
O Concello lembrou que os continuos incumprimentos por parte da empresa dos compromisos acadados e os continuos informes da Concellería de Medio Ambiente baseados nas queixas veciñais, case que diarias, fixeron que a Dirección Xeral iniciase un expediente sancionador e ordenaba “prohibición temporal de admisión dos subprodutos animais e produtos derivados non destinados ao consumo humano”, é dicir prohibíase a admisión de materia prima solicitándose a colaboración do Concello de Redondela para facer efectiva dita medida. Sorprendentemente, unha semana despois, a propia Dirección Xeral deixaba sen efecto esa medida sen que o Concello tivera coñecemento algún do levantamento da suspensión temporal.
Un dos problemas máis graves, explica Roberto Villar, “e á incapacidade da empresa de manufacturar toda a materia prima que recibe e que queda almacenada durante días na explanada”. “Se xa cheira mal recen chegada ao tratarse de restos de peixe –explica o concelleiro–, non é moi difícil imaxinarse como cheira varios días despois”. De feito, subliña o Villar, o policía medioambiental do Concello deu constancia “que os malos cheiros chegaban xa ata Teis”.
Con estes antecedentes, o estudo das accións a seguir emprendido polos servizos xurídicos do Concello deixan clara a postura do Goberno redondelán “defender dos intereses da veciñanza, da súa calidade de vida e da súa saúde” polo que, afirma Digna Rivas, “adoptaremos todas aquelas medidas e recorreremos a todas as vías legais para poñer fin a un gravísimo problema medioambiental e a unha historia de constantes incumprimentos dos compromisos acadados por parte de Aucosa”.
Tanto Digna Rivas como Roberto Villar, aseguraron que durante moitos meses o Concello tentou chegar a acordos, buscar puntos de encontro y acadar compromisos para finalizar con este problema. “Agora é o momento de adoptar outras medidas e conseguir que os organismos competentes en materia medioambiental actúen e adopten as medidas oportunas para poñer fin, dunha vez por todas, a esta situación insostible”.