Luns, 4 Novembro de 2024

O Goberno de Redondela cualifica de “irresponsable” a pasividade ao anterior goberno do PP nos accesos ao novo Colexio Igrexa

O goberno de Redondela cualificoude “grave irresponsabilidade” a actuación do anterior goberno do PP no que atinxe aos accesos ao novo Colexio Igrexa “cun expediente que levaba paralizado dende facía máis dun ano” nunha actitude que a alcaldesa Digna Rivas, non dubida en cualificar como “unha falta de respecto aos veciños e veciñas de Chapela e a toda a comunidade escolar”.

Non entende a alcaldesa redondelá como “sabendo dende o 2015 que o colexio ía facerse neses terreos e que, polo tanto, precisaría de accesos dignos, o goberno do PP, facendo gala dunha alarmante imprevisión, non fixo nada nun tema que era de estricta competencia municipal”.

Digna Rivas considera unha “auténtica desfachatez” que o PP busque agora colgarse medallas ao asegurar que gracias a eles hoxe está funcionando o novo Colexio Igrexa cando a realidade é que foi un convenio “entre Audasa e a Xunta de Galicia”. Curiosamente, o que si era competencia municipal, que eran os accesos, “foron incapaces de realizalos”.

“O anterior goberno do PP enganou, sobre este tema, á Xunta de Galicia, á veciñanza, á comunidade escolar e a oposición municipal”, asegura Digna Rivas

A primeira medida adoptada polo actual Goberno, foi manter unha xuntanza con Educación para expoñer a realidade da situación e buscar alternativas “provisionais y de urxencia para que o curso escolar puidera comezar e mentres se retoma todo o proxecto de cara a que, á maior brevidade posible, o centro poida contar cuns accesos axeitados, cómodos e seguros”.

Este Goberno, afirmou Digna Rivas, acometerá de inmediato a modificación puntual das Normas Subsidiarias para, a partir de aí, desenvolver todos os trámites precisos como son un proceso de expropiación e a correspondente dotación orzamentaria “trámites que aseguraba o PP que estaban en marcha, cando o certo é que todo o proceso estaba paralizado”.

É impresentable, di a alcaldesa de Redondela, “que agora téntese botar á culpa da situación a un goberno que leva pouco máis de dous meses no Concello, cando o PP enganou sobre este tema á Xunta de Galicia, á veciñanza, á comunidade escolar e a oposición municipal”.

Digna Rivas asegurou non querer entrar en “polémicas estériles” xa que o importante agora é “darlle solución a un tema prioritario para a comunidade escolar e as veciñas e veciños de Chapela, un tema que xa tiña que estar solucionado e que non o está pola irresponsabilidade e falta de xestión do anterior goberno do PP”.