Domingo, 4 Maio de 2025

O Goberno de Redondela advirte, que as declaracións da Xunta sobre as obras da avenida Mendiño “son unha falta de respecto á veciñanza que non imos tolerar”

A alcaldesa de Redondela lamenta que a Consellería “opte pola fuxida cara adiante para intentar tapar as súas mentiras sobre unha obra da que non existía documentación algunha cando chegamos ao Goberno”

O Goberno de Redondela expresou hoxe a súa indignación polas manifestacións realizadas pola Xunta de Galicia sobre as obras da avenida Mendiño nas que a Consellería de Infraestruturas asegura “que está a reclamar ao Concello que certifique que dispón do crédito necesario para cumprir co compromiso de cofinanciar esta actuación por un total de 433.000 €, a cuarta parte do total”.

O executivo local considera que tanto a Xunta de Galicia como o PP local “teñen entrado na errónea dinámica de repetir unha mentira cantas veces faga falta ata que se transforme en verdade”. As comunicacións entre Concello de Redondela e Axencia Galega de Infraestruturas, todas elas vía Rexistro de entradas e por conseguinte, debidamente documentadas, deixan clara una realidade “que difire totalmente da que se quere ‘vender’ ás veciñas e veciños”.

En marzo (24/03/2020) tivo entrada comunicación dirixida a Alcaldesa dende a Axencia Galega de Infraestruturas, na que se require a conformidade do Concello de Redondela co texto proposto de convenio para realizar obras para a mellora da seguridade viaria e reordenación da PO-363. Treito: Redondela – praia de Cesantes por un importe total de 1.594.713,10 €, así como a certificación da retención de crédito correspondente ao cofinanciamento da actuación por parte do Concello.

No que á conformidade do texto do convenio fai referencia, a secretaria municipal advertiu unha serie de cuestións xurídicas que, segundo a Lei re Réxime Xurídico do Sector Público “necesitaban da súa modificación ou incorporación ao texto do convenio” tales como a determinación nas cláusulas do convenio das competencias da Xunta e Concello respecto a actuación de que se trata, tendo en conta, sinala o Concello “que neste caso a estrada obxecto de actuación (…) é de titularidade da Xunta de Galicia”.

Doutra banda, faise referencia a que o importe que corresponde ao Concello “correspóndese cos custos dos servizos municipais de abastecemento e saneamento, así como o 50 % do importe do alumeado, nas cláusulas do convenio se engadía a semaforización”. Nese senso, o Concello sinalaba que dita semaforización “non forma parte dos servizos municipais de prestación mínima, polo que debía eliminarse dita referencia”.

Finalmente indicábase que non prevé o texto do convenio a imputación orzamentaria concreta da achega da AXI de acordo co apartado d) do artigo 49 da Lei de Réxime Xurídico do Sector Público.

Todas estas apreciacións foron enviadas á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, mediante escrito da Alcaldía remitido o 16/04/2020 con número de rexistro de saída do Concello de Redondela 1894 e presentado na sede electrónica da Xunta de Galicia o mesmo día.

Polo tanto, sinala o Concello de Redondela, non procede a emisión da retención de crédito da achega do Concello de Redondela, “ata ter o texto definitivo do convenio, xa que ademais podería incluso variar a contía da achega municipal definitiva, ao eliminar os custos correspondentes á rede semafórica, no seu caso”.

A este escrito do mes de abril no que se achegaban as apreciacións do Concello para ser incluídas no convenio ou modificado o seu texto “a día de hoxe non ten resposta, pese a ter constancia de que foi recibido na Axencia Galega de Infraestruturas”, afirma a alcaldesa Digna Rivas.

A realidade, subliña a rexedora local, “é que a Xunta non está pola labor de realizar obras en concellos que non sexan ‘da súa cor’ como ben queda demostrado e ampárase para iso, nunha serie de falsidades que son un insulto e unha falta de respecto á cidadanía que este Goberno non vai consentir”.

O Concello de Redondela, engade Rivas, cumpriu “de xeito escrupuloso” con todos os requirimentos que fixo a Consellería e “non imos tolerar que se falte á verdade de xeito tan descarado cando, o certo, é que dende abril estamos á espera que se nos remita o convenio coas modificacións indicadas polos servizos xurídicos do Concello”.

Este Goberno, afirma a rexedora local, “actuou sempre co principio de lealdade institucional, termo que, polo visto, descoñece a Xunta de Galicia”. Se tan certo é que queren realizar este proxecto “que remitan dunha vez por todas o convenio coas apreciacións indicadas polo Concello de Redondela, e que demostren que como goberno de Galicia que son, gobernan para toda a cidadanía sen distinción de cor política, cousa que ata o de agora non fixeron”.