Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Redondela rehabilitará os vestiarios e grada do Campo de Tuimil ao abeiro dunha achega do Plan Concellos

O concelleiro de Deportes lamenta que o anterior goberno non aproveitara o cambio de céspede para acometer esta obra imprescindible”

O Concello de Redondela investirá preto de 62.000 euros (61.996,07 €) na reforma dos vestiarios do Campo de Tuimir, traballos que se realizarán ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra logo de que a Xunta de Goberno da administración provincial aprobase dito investimento este pasado venres.

As obras, que iniciarán esta semana o proceso de licitación, permitirán a mellora dunhas instalacións que “nestes momentos son absolutamente inadecuadas e que impiden que neste campo se poidan disputar partidos oficiais”, apunta o concelleiro de Deportes, Nacho González.

O anterior goberno fixera obras de mellora do céspede pero “incomprensiblemente, esqueceuse ou non considerou importante a reforma dos vestiarios sen os que, o campo, é prácticamente inutilizable”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Rivas lembra que, nestes momentos, o Club Deportivo Cesantes, que habitualmente adestra e xoga os seus partidos neste campo, está utilizando provisionalmente o campo do Choco ante ao no contar o campo de Tuimir “cuns vestiarios minimamente dignos e adecuados”. Está fora de toda lóxica, engade a rexedora local, “acometer unha reforma de céspede e deixar fora o resto de infraestruturas deportivas do campo sen as que a instalación resulta pouco menos que inutil”.

O certo é que, sen uns vestiarios axeitados, os estamentos deportivos nunca permitirían a disputa dun partido oficial nestas instalacións, polo que urxía darlle unha resposta rápida “non só ao C. D. Cesantes en todas as súas categorías, senón a outros equipos como o Atlétivo Villar, Meirande de veteranos e os Nietos da Coca, tamén de veteranos, que unha vez rematadas as obras poderán utilizar as instalacións en condicións adecuadas”.

Finalmente, o concelleiro de Deportes, Nacho González, amosou a súa satisfacción por poder poñer en marcha “unhas obras imprescindibles que non só servirán aos clubs deportivos de Redondela, senón tamén, fora de tempada, para outras actividades municipais como actividades de conciliación ou campamentos infanties e actividades extraescolares”