Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Redondela reformará e acondicionará as oficinas de Servizos Sociais de Chapela

O executivo local busca, con esta medida, mellorar a atención social e adaptar as instalacións ás novas necesidades de información é asistencia á cidadanía

O Concello de Redondela iniciará, en breve, os traballos de acondicionamento e reforma das dependencias dos Servizos Sociais de Chapela, co fin de facelas totalmente accesibles e, ao mesmo tempo, conseguir unha mellora enerxética de todo o espazo. Na actualidade, os Servizos Sociais de Chapela atópanse situados nos baixos do pavillón municipal.

Trátase dun espazo que combina os servizos de atención ao público, información e rexistro, amais de contar con distintos despachos de atención a servizos sociais onde desenvolve o seu traballo aquel persoal do servizo que precisa dun despacho individual para atención personalizada.

O proxecto que desenvolverá o Concello busca potenciar os usos existentes no edificio é, ao mesmo tempo, crear novos espazos de atención á cidadanía “como un punto de Rexistro e información xeral e outro de información dos servizos de Recadación municipal” explica a alcaldesa Digna Rivas que salienta a importancia destas oficinas “que farán posible que a veciñanza de Chapela non teña que desprazarse a Redondela para a realización de determinados trámites”.

As obras incluirán a creación dun espazo para sala de xuntas amais dos correspondentes aseos de uso público, actuacións todas elas que como xa é norma en todas as obras que se realizan en dependencias municipais, contarán coas normas de accesibilidade e seguridade.

No que fai referencia á fachada, será modificada para crear unha entrada acristalada que, amais de identificar con claridade os servizos que albergan estas instalacións, permita unha maior luminosidade e unha accesibilidade total para usuarias e usuarios.

As obra, realizadas no marco do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE) 2014-2020, contarán cun investimento de 170.000 euros cofinanciados ao 80 % con fondos Edusi Redondela e o 20 % de fondos propios do Concello redondelán.

Trátase, segundo a alcaldesa Digna Rivas, de facer “un espazo cómodo e funcional para as persoas usuarias e as traballadoras e traballadores do servizo” e, ao mesmo tempo coa inclusión de servizos como Recadación Municipal ou Rexistro, “permiten un achegamento da administración á cidadanía facendo os seus servizos máis próximos e evitando desprazamentos”.