A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de solicitar unha “reunión urxente” con técnicos de Audasa, responsable da construción do Colexio Igrexa, para darlle conta da necesidade de reforzar o muro de contención da parte traseira do centro escolar “e evitar que se volvan a repetir episodios como os vividos a pasada semana coa entrada de terra nas instalacións”.
O Concello de Redondela actuou de inmediato en canto tivo coñecemento dos problemas detectados no colexio coa acumulación de lama e xeo no patio e nunha das entradas “unha situación que o Goberno local descoñecía por completo ao non poder acceder ao centro escolar durante o tempo de vacacións”.
Do mesmo xeito, a calefacción volve a funcionar con normalidade dende a primeira hora de hoxe luns, de forma que o centro escolar volve a recuperar a normalidade.
“É preciso –insistiu a rexedora local– que Audasa, responsables da obra do colexio, arranxe canto antes o muro de contención xa que as deficiencias do mesmo foron as causantes da acumulación de lama e terra”.
Digna Rivas subliñou a “resposta inmediata” dos operarios municipais “que arranxaron todos os problemas en menos de 24 horas dende que foi dado o aviso ao Concello” e que, para maior seguridade, estenderon sal nos accesos ao centro escolar para evitar a formación de xeo.