O concello de Redondela acollerá este martes 10 de marzo a novena acción da edición 2020 do programa da Deputación de Pontevedra ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’. A cita aberta ao público, á que asistirá a presidenta provincial Carmela Silva, acompañada da alcaldesa Digna Rivas, terá lugar ás 12:30 horas no na praza do Concello.
Baixo o título ‘Conversas de bo trato sen palabras’, o colectivo feminista ‘Somdolilá’, conformado por activistas, artistas e formadoras, poñerá o foco nas violencias invisibles contra a muller a través dunha proposta multidisciplinar que conxugará percusión, palabra falada e movemento.
Durante o acto, o colectivo tratará de utilizar a arte como ferramenta de empoderamento, sororidade e transformación. A través da peza rítmica ou batucada, todas as participantes poderán sentirse unidas. Ademais, este evento terá unha fase de preparación previa que contará con alumnos do IES Illa de San Simón e na que as integrantes de ‘Somdolilá’ levarán a cabo exercicios de reflexión sobre as violencias e as súas solucións para, posteriormente, impartir un obradoiro de batucada onde a comunicación será exclusivamente musical, sen palabras.
‘Somdolilá’, conformado por un grupo de mulleres que traballan para desenvolver accións de concienciación e visibilización das violencias machistas, consolidouse como proxecto no 2018. Cos tambores como ferramenta, tratan de transmitir a sororidade ó escenario máis esixente: as rúas. Así, trátase dun grupo de mulleres con ampla traxectoria como educadoras e artistas cuxas formacións e experiencias no eido musical e de dinamización social tentan construír oradoiros dende a individualidade para xerar un sentimento colectivo.
‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir a 25 artistas especializadas en modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición novamente se celebra en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove, Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).