Redondela e Moaña quedarán sen voz no Consello de Administración do Porto de Vigo que terá lugar o venres 27 de setembro, ao figurar na convocatoria como representante do municipio redondelá o exalcalde Javier Bas. Se a primeira vez “puido ser un erro, esta segunda vez demóstrase claramente que é unha actitude intencionada coa que se quere evitar que Redondela e Moaña teñan voz no Consello de Administración”, aseguraron na mañá de hoxe Digna Rivas e Leticia Santos, alcaldesas de Redondela e Moaña, respectivamente.
Redondela e Moaña teñen que repartirse o tempo de representación no Consello, explican as rexedoras locais, “algo que non se fixo nos oito anos anteriores pese a que, dende o Concello de Moaña se requiriu en máis dunha ocasión o seu dereito a estar representada neste órgano de goberno do Porto de Vigo”, sinalan Rivas e Santos.
Agora, a actitude “totalmente sectaria e partidista do presidente da Autoridade Portuaria deixará sen voz á veciñanza de Moaña e Redondela” algo que segundo Digna Rivas, “era o que se pretendía dado que na orde do día figuran dous temas que afectan directamente a Redondela como é a delimitación de espazos de usos portuarios e, sobre todo, o informe verbal sobre o cargadoiro de mineral de Rande Duchess”.
Tanto a alcaldesa de Redondela como a de Moaña teñen claro que “no Consello de Administración da Autoridade Portuaria non queren voces discordantes” e o informe sobre Rande presentado na última reunión pola alcaldesa Digna Rivas “fixo que moitos dos membros deste órgano de goberno, coñeceran a realidade dos proxectos da autoridade portuaria sobre unha zona incluída dentro da Rede Natura 2000”.
Leticia Santos e Digna Rivas, consideran “inaceptable” tanto a actitude da Autoridade Portuaria de Vigo, coma a da Consellería do Mar ao “obviar, dende o pasado mes de xullo, a documentación enviada polos servizos técnicos do Concello dando conta do relevo na alcaldía de Redondela”.
Para as dúas alcaldesas, a actitude de ámbalas dúas administracións “é intolerable ao antepoñer cores de partido aos intereses xerais dos veciños e veciñas, que debería ser a primeira prioridade de calquera administración pública”.