O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia Francisco Conde, acompañado pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e membros do Goberno local, visitaron na mañá de hoxe as instalacións do Pousadouro, onde 36 persoas en situación de desemprego participan nos obradoiros ‘Redondela Sostible’ e ‘Redondela Vila Bela III’, iniciativas que se desenvolven ao abeiro do Plan Galego de Formación para o Emprego.
Alumnos e alumnas destes obradoiros reciben formación teórico práctica en carpintería e vernizado, deseño gráfico, cantería e no eido forestal. Todas elas, apuntou a alcaldesa Digna Rivas, “con ampla demanda no mercado laboral o que favorecerá a empregabilidade das persoas participantes”.

O alumnado destas accións formativas desenvolverá, na parte práctica, traballos que redunden en beneficio da veciñanza de xeito que, segundo apuntou a alcaldesa de Redondela, “poidan desenvolver os coñecementos teóricos adquiridos en traballos ‘reais’ e de utilidade para o municipio”.
Así está previsto que, nesa parte práctica, realicen cubertas de lavadoiros na zona de Chapela e a colocación de mobiliario urbano; deseño de campaña e carteis para o Concello; actuacións de ornamentación e colocación de pedra en varios edificios municipais e mantemento da horta ecolóxica e acondicionamento de espazos verdes, dependendo da especialidade de cada quen.

Digna Rivas que agradeceu “a axuda da Xunta de Galicia nestas accións formativas e a sensibilidade amosada neste eido polo conselleiro Francisco Conde”, subliñou a aposta do Goberno de Redondela “no desenvolvemento de accións formativas como factor fundamental para a inserción laboral das nosas veciñas e veciños”.
A alcaldesa de Redondela animou aos alumnos e alumnas a ser constantes e aproveitar esta oportunidade. “Tendes que crer en vos, porque ese convencemento é fundamental á hora de entrar nun mercado laboral cada vez máis competitivo”. Digna Rivas cualificou estes obradoiros de emprego como “imprescindibles” á hora de loitar contra o desemprego e a exclusión social.