Mércores, 7 Maio de 2025

Digna Rivas visita as obras de acondicionamento do novo local de Servizos Sociais

A alcaldesa alcaldesa de Redondela, acompañada pola concelleira de Servizos Sociais, Marta Alonso, amosou a súa satisfacción pola “boa marcha” das obras

“Era un compromiso que tíñamos coa cidadanía e, como tal, para nós era de obrigado cumprimento” asegurou Digna Rivas durante a visita que realizou na mañá de hoxe, acompañada pola concelleira de Servizos Sociais, Marta Alonso, as obras de acondicionamento do que serán as novas instalacións de Servizos Sociais.

A alcaldesa redondelá fixo especial fincapé no feito de “cambiar unhas instalacións pouco axeitadas”, compartidas, e inaccesibles, por outras totalmente accesibles e nas que, “amais de ofrecer aos traballadores e traballadoras un entorno cómodo para desenvolver o seu traballo, ofrecen a usuarias e usuarios a privacidade que un servizo como este precisa”.

O proxecto para o traslado destas dependencias, contaba co informe favorable dos servizos técnicos do Concello dende xuño de 2018. Digna Rivas lamentou que “o Goberno do PP non priorizara a súa tramitación” e á chegada do novo Goberno, en xuño de 2019, o expediente “levaba paralizado máis dun ano”.

Tanto a alcaldesa como a concelleira de Servizos Sociais, amosaron a súa satisfacción por ter conseguido no curto prazo de tres meses, “rematar o expediente de contratación” que permite que agora se poida estar realizando o traballo de acondicionamento –interior e exterior– do inmoble situado na rúa 8 de Marzo (Regojo).

A boa marcha dos traballos, explicou a concelleira de Servizos Sociais, Marta Alonso, “apuntan a que ao longo do vindeiro mes de abril estas instalacións poidan estar plenamente operativas e ao servizo da veciñanza”.

Digna Rivas, pola súa banda, reafirmouse no seu compromiso de poñer en marcha “as medidas precisas” que contribúan a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e, nese sentido, rematou, “dispoñer dun local de Servizos Sociais digno, é tamén dignificar tanto ás persoas que precisan deste servizo coma ás traballadoras e traballadores que nel desenvolven un traballo fundamental para a cidadanía”.