Domingo, 4 Maio de 2025

Digna Rivas asegura que “Redondela é segura” e que as desinfeccións de lugares públicos “nunca se deixaron de realizar dende marzo”

A alcaldesa de Redondela cualifica de “absoluta irresponsabilidade e falta de ética” o intento do PP de alarmar a poboación buscando unicamente “o beneficio político a costa do que sexa”

“Non se pode consentir que, en plena pandemia, un partido político utilice a mentira, a falsidade e a terxiversación para alarmar á poboación coa única intención de sacar beneficio político”, asegurou hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, logo de que o PP afirmase que o Concello “non leva a cabo a desinfección de lugares públicos dende hai 10 días”.

A rexedora local afirmou con rotundidade que a veciñanza de Redondela “pode estar tranquila” e lembra que dende o mes de marzo o Concello desenvolve, nas primeiras horas do día, a desinfección dos lugares públicos de maior afluencia de persoas, como son as contornas dos dous centros de saúde (Chapela e Redondela), parques, supermercados, zonas de comercio, espazos públicos, colexios ou farmacias.

Ao mesmo tempo, o Concello de Redondela salienta que mantén “contacto continuo” coa Consellería de Sanidade, adecuando as medidas municipais as directrices sanitarias que esta lle marca e “incluso indo máis aló cando as circunstancias de risco para a saúde da cidadanía así o aconsella”. Nese sentido, lembra Digna Rivas que o Goberno local optou polo peche do skatepark e a Xunqueira “logo de que por parte de Senidade alertásese ao Concello sobre casos positivos por COVID na franxa de idade de 15 a 20 anos, o que facía necesaria a adopción de medidas, non moi populares, pero imprescindibles para a salvagarda da saúde dos mozos e mozas”.

Doutra banda e no que ao peche dos parques infantís fai referencia, Digna Rivas recoméndalle a portavoz do PP de Redondela, “que lle faga esa pregunta á Xunta de Galicia xa que, entre as directrices a seguir dentro do máximo estado de restrición, non se inclúe o peche das áreas infantís” dato que, afirma a alcaldesa de Redondela, “coñece perfectamente o PP e a súa portavoz que, a pesar diso é como é habitual, prefiren recorrer ao engano é a terxiversación da realidade”.

Sobre as declaracións dos populares sobre que o Concello “non informou aos veciños para que aumenten as medidas de autoprotección”, considera a alcaldesa esas manifestacións “como un mal chiste, se non fora porque estamos a falar dun caso de extrema gravidade”. “Unha vez máis e seguindo na súa liña habitual –afirma Digna Rivas– o PP prefire ocultar que dende o primeiro minuto o Concello puxo en marcha de concienciación da cidadanía sobre as medidas de autoprotección”.

De feito, dentro desa liña de información, dende o primeiro momento da pandemia dende o Concello de Redondela puxéronse en marcha grupos de maiores nas parroquias –Maiores contaxiando responsabilidade– para que concienciaran aos seus veciñas e veciños, editouse e difundiuse un vídeo, tanto entre a cidadanía coma nos centros escolares, sobre testemuñas da COVID e a importancia das medidas preventivas como freo á pandemia, colocáronse carteis con recomendacións sanitarias en comercios e lugares visibles do municipio…, iniciativas que demostran “claramente e con feitos, que o PP prefire utilizar a pandemia como arma política aínda que sexa a base de mentir e enganar á cidadanía”.

A alcaldesa conclúe que as medidas a adoptar de agora en adiante, dependerán dos datos que dean os cribados de probas PCR que se están a realizar entre a poboación e asegura que o seu Goberno “seguirá a manter a mesma liña que levamos ata o de agora, protexer aos nosos veciños e veciñas por todos os medios ao noso alcance”.