Sábado, 3 Maio de 2025

AER rexeita “a oposición desnortada” do Partido Popular de Redondela

Coa suposta intención de denunciar que, nese momento, non había persoal nesas dependencias, a portavoz do PP gravou co seu móbil, "sen ningún tipo de rubor", os postos de traballo do funcionariado, onde hai información confidencial

A Agrupación de Electores de Redondela, AER, cualifocou de “desnortada” a oposición que realiza o PP de Redondela logo de que a súa portavoz “sen ningún tipo de rubor” gravara os postos de traballo do funcionariado das oficinas que o Concello ten en Chapela “onde hai información confidencial”.

O vídeo a día de hoxe segue colgado no Facebook do PP de Redondela e nese vídeo –explica a formación asemblearia nun comunicado– a voz de voceira popular “vai relatando o que a cámara do móbil enfoca”. Ela mesma di no vídeo, engade AER, “que son dependencias municipais e que quere denunciar que, nese momento, non hai persoal municipal nas oficinas do Concello en Chapela”.

A Agrupación de Electores afirma que a voz “é perfectamente recoñecible” e, “sen ningún tipo de escrúpulo” vai enfocando todas as mesas e demais mobiliario das oficinas, onde “efectivamente non hai ninguén que lle poida impedir o que é un flagrante exceso”.

Para AER, a sensación que transmite ese vídeo “é moi similar á lamentablemente vivida no capitolio de Washington cando persoas de extrema dereita simpatizantes de Trump asaltaron o Capitolio e, entre outras barbaridades, gravaron cos seus móbiles documentación do Congreso dos Estados Unidos”.

AER critica contundentemente esta actuación que consideran grave por varios motivos: “está a desprestixiar o traballo de persoas profesionais, está violando o acceso a espazos que son reservados para persoal municipal debidamente autorizado, está a pór en risco información confidencial que alí está exposta o que mesmo pode atentar contra a normativa de protección de datos”.

Dende AER esixen á portavoz do PP que abandone “este xeito tan rastreiro de facer oposición e que pida desculpas polo seu comportamento”.