O Concello de Redondela, a través das Concellerías de Igualdade e Ensino, que xestionan a alcaldesa Digna Rivas e Olga García, respectivamente, desenvolverá mañá venres un encontro online que, baixo o nome de ‘As mulleres tamén somos ciencia’ busca animar ás mozas a optar polos estudos científicos e técnicos. A actividade está dirixida ao alumnado de 4º da ESO dos catro institutos redondeláns –preto de 200 alumnos e alumnas– que terán que elixir o tipo de bacharelato a cursar no vindeiro ano.
Esta é a primeira vez que o Concello redondelán organiza unha iniciativa deste tipo, e que é considerada pola alcaldesa Digna Rivas como “imprescindible se de verdade queremos acadar unha sociedade realmente igualitaria que é o único camiño para construír unha sociedade xusta”. “Buscamos romper estereotipos facendo ver ás mozas que os estudos científicos e técnicos, non son exclusivos dos homes e, ao mesmo tempo, que os mozos vexan ás súas compañeiras nun plano de igualdade”.
Dúas mulleres de recoñecida experiencia profesional, como son a doutora en Quimica e profesora da Universidade de Vigo, María Álvarez Lires, e da redondelá Xunqueira Ezara, enxeñeira aeroespacial, serán as que o venres 26 de febreiro, a partir das 10:30 horas, abran esta xornada ‘As mulleres tamén somos ciencia’ e que “nace cunha clara vocación de continuidade para que mozas e mozos teñan contacto directo con mulleres que, hoxe en día, son referencia en diferentes eidos do mundo da ciencia”.
A xornada está dirixida a mozas e mozos –non só as mozas– xa que, tal e como explica María Álvarez Lires “a escola non é a orixe das desigualdades pero ten un papel reproductor e lexitimador das mesmas, socializando en códigos de xénero masculino e feminino”.
Dende ese punto de vista, a científica salienta o feito de que sexa obxecto de preocupación “que as mozas non colocaran nunca un enchufe” pero non hai a mesma preocupación polo feito de que os mozos “non saiban limpar ou non limpen a mesa do laboratorio, o material ou non anoten os resutados”. Do mesmo xeito, engade Lires “é preocupante que as rapazas accedan en menor medida ás carreiras científicas pero non hai investigacións de por que os varóns non acceden a carreiras con etiqueta femimina”.
Digna Rivas quixo agradecer a “absoluta implicación” de María Álvarez Lires e Xunqueira Ezara “que, dende o momento que lles expuxemos a idea, non dubidaron nin un momento en participar”
María Mercedes Álvarez Lires é unha científica galega doutora en Química e, dende 2009, profesora da Universidade de Vigo do departamento de Didácticas especiais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra.
Codirixe o grupo de investigación CIES e é vicepresidenta do Seminario Interdisciplinario de Estudos de Xénero da Universidade.
En 2016 comezou a formar parte da “Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade” no Consello da Cultura Galega, na que participa con publicacións e como relatora.
O seu labor docente e investigador en xénero, ciencia e educación foi recoñecido con diversos premios e no 2017 foi galardoada co Premio Uviguala 2017 da Universidade de Vigo polo seu compromiso coa igualdade de xénero.
Xunqueira Ézara é enxeñeira aeroespacial e natural de Redondela. Está considerada como unha das das profesionais con máis proxección no mundo da tecnoloxía e, os seus compañeiros destacan o seu constante bo humor e a súa incrible capacidade de traballo.
Na actualidade desenvolve un proxecto relacionado con drones de cara a incrementar o seu tempo de vo para que non dependan tanto das baterías. Xunqueira Ezara amósase absolutamente namorada dun traballo “no que nunca te aburres e no que sempre tes retos por diante que che obrigan a aprender cousas novas case que a diario”.
Partidaria de “ir conseguindo pequenos obxectivos no camiño” en lugar de centrarse en proyectos a longo prazo, anima ás mozas a elixir a rama tecnolóxica nos seus estudos porque, asegura “é máis difícil pero merece a pena. Que non se asusten á hora de elixir este campo porque o esforzo sempre acaba dando os seus froitos.