A proxección simultánea en streaming aos institutos de Redondela das curtametraxes ‘1/2’ de Olaia Sendón e ‘Ei, guapa!’ de Sonia Méndez, –incluídas na película colaborativa Visións do proxecto Cinema de Muller da Deputación de Pontevedra–, abriu onte o programa de actividades que desenvolverá o Concello de Redondela con motivo do 25N.
Á proxección seguiu unha charla coloquio na que participaron tamén a alcaldesa de Redondela e concelleira de Igualdade, Digna Rivas e a psicóloga do CIM, que expuxo a rapaces rapazas a importancia de previr e detectar as situacións machistas que se dan no día a día da mocidade. De feito, o alumnado cualificou como ‘impactante’ a proxección de ‘Ei, guapa!’ que amosa a presión na que pode vivir unha rapaza asediada polos ‘piropos’.
Doutra banda, a campaña das ‘bolboretas’ que busca encher Redondela do que é un “símbolo contra a violencia machista e polos dereitos da muller”, ten este ano un especial relevo ao cumprirse o vixésimo aniversario da declaración por parte da ONU do 25N como Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, en memoria das irmás Mirabal, coñecidas polo seu activismo e ás que chamaban ‘As bolboretas’, nome que utilizaba Minerva Mirabal nas súas actividades políticas clandestinas. Perseguidas, torturadas e xulgadas, foron finalmente asasinadas no marco da resistencia contra o réxime ditatorial de Trujillo.
Para o Concello de Redondela, “coñecer e difundir a orixe do 25N é outro punto de partida para a concienciación cidadá na loita por unha sociedade máis xusta e máis digna e para a eliminación da violencia machista”. Con esta iniciativa, salientou a alcaldesa e concelleira de Igualdade, Digna Rivas, “poñemos o foco de atención sobre todas e cada unha das mulleres asasinadas, sobre cada orfo e orfa e sobre cada familia que sufre este horror”.
O acto central dos actos do 25N, terá lugar na Alameda de Castelao ás 12 horas coa lectura do manifesto a cargo de Josua Mateo, fillo de Sesé Mateo, veciña de Chapela asasinada vítima da violencia machista. De seguido, terá lugar a performance ‘A Última Cea’ a cargo de Uxía Morán. En caso de choiva, os actos trasladaranse ao Multiúsos da Xunqueira.

A crise da COVID-19 impediu que, este ano, desenvolvéranse actividades nos centros escolares “un dos lugares onde é imprescindible traballar na concienciación dos mozos en valores como a igualdade e o respecto como base imprescindible para a eliminación da violencia contra as mulleres”.
En toco caso, insistiu Digna Rivas, “a loita contra esta lacra social non é cousa de un só día, senón de 365 días” e nese sentido, engadiu a concelleira de Igualdade, “prestamos asistencia permanente ás mulleres que foron vítimas da violencia machista a través do CIM do mesmo xeito que se asesora a aquelas mulleres que sofren violencias físicas ou psicolóxicas e non saben que pasos dar para saír desa dolorosa encrucillada”.
Nesta pandemia do coronavirus, con confinamentos parciais nalgúns lugares, “é extremar a vixilancia sobre posibles episodios de calquera tipo de violencia dentro dos domicilios, para poder poñer os medios precisos que axuden ás mulleres, non só a escapar desta situación, senón a retomar as súas vidas tanto no eido social como laboral”.