Mércores, 11 Decembro de 2024

A Federación de ANPAS de Redondela acusa á Xunta de “mentir e marxinar ás familias” no Bacharelato de Arte

A Federación de ANPAS de Redondela vén de acusar á Xunta de Galicia de “ignorar a centos de familias e mentir no que fai referencia a dotar ao municipio dun Bacharelato de Arte”. A Federación lembra que representa a 13 ANPAS de centros públicos de ensino de Pazos de Borbén e Redondela –centros que van desde infantil até o bacharelato– “dato significativo, porque quen se dirixa á Federación estase a dirixir a case a totalidade de familias con nenos e nenas en idade escolar de Redondela e comarca e polo tanto, quen ignora á Federación de ANPAS de Redondela, está a ignorar a centos de familias que están asociadas ás diferentes ANPAS dos centros educativos públicos de Redondela e Pazos de Borbén”, aclaran.

A Federación, en referencia ao Bacharelato de Arte quede dixar o que cualifican de “datos incontestables” e que dada a súa importancia e ao número de familias que afecta, reproducímos na súa integridade.

1. O 22 de setembro a Comisión de Educación do Parlamento, co voto favorable do redondelán Alberto Pazos, comprometeuse a cuantificar a demanda do Bacharelato de Arte en Redondela como paso previo á súa implantación.

2. Ante o silencio e inmobilismo da Xunta, a Federación de ANPAS de Redondela, enviou un escrito á Xefatura Territorial informando sobre a falta de mecanismos necesarios para facer cumprir o acordo do 22 de setembro. Así mesmo, solicitóuselle que fixera “urxentemente as xestións para que a opción de Bacherelato de Arte en Redondela sexa ofrecida ao alumnado nesta prematrícula que xa comeza. Así mesmo solicito que informe por escrito a esta Federación de todas as decisións e actuacións levadas a cabo relativas a este asunto”.

3. Terceiro dato: A día de hoxe, non se moveu un dedo para facer cumprir a promesa nin se deu resposta á Federación de ANPAS de Redondela.

Coñecidos os datos, atopámonos cunha noticia na prensa escrita na que a Consellaría de Educación recoñece que non ten feito nada coa escusa do cambio de Lei de Educación. Ante estas declaracións, desde a Federación de ANPAS de Redondela, queremos manifestar o seguinte:

1. A Xunta de Galicia despreza ás familias de Redondela ao optar por emitir unha nota de prensa na vez de dar resposta aos escritos da Federación de ANPAS de Redondela. A comunicación coa Federación debe ser seria por escrito ou de forma presencial.

2. Non é certo que o cambio de lei impida implantar o Bacharelato de Arte en Redondela. O cambio lexislativo nada di sobre esta imposibilidade. A Xunta está a xogar co futuro dos estudantes redondeláns nunha actitude de loita partidaria co goberno central.

3. A Xunta de Galicia segue a incumprir o seu compromiso de cuantificar a demanda de Bacharelato de Arte en Redondela e o fai de forma consciente.

4. A Xunta de Galicia, por voz do seu parlamentario redondelán Alberto Pazos, vendeu unha cortiña de fume que fai dos estudantes de Redondela, estudantes de segunda.

5. A Federación de ANPAS de Redondela continúa a esixir á Xunta de Galicia que cumpra os seus compromisos e que dote a Redondela de toda a oferta educativa de Bacharelato que existe neste momento. Falamos de alumnos e alumnas que o próximo curso terán que desprazarse fóra do concello para continuar os seus estudos e, no peor dos casos, renunciar á súa formación por imposibilidade de acudir a clase.

6. A Federación de ANPAS de Redondela segue a agardar a resposta da Xefatura territorial ás demandas expostas e á información solicitada. A Federación de ANPAS de Redondela está disposta a reunirse con quen sexa necesario para analizar o camiño para a implantación deste Bacharelato de Redondela.

7. A Federación de ANPAS de Redondela fai un chamamento para que todos os colectivos culturais e non culturais do concello e comarca se unan ás diferentes accións que ten planificadas.

8. Tras unha xuntanza cos colectivos culturais, asociacións e artistas do Concello de Redondela, celebrada este mesmo luns, decidiuse responderlle á Xunta de Galicia cunha Concentración o vindeiro venres 4 de febreiro na Alameda de Castelao diante do Concello de Redondela para esixir a implantación do Bacharelato de Arte en Redondela.