Sábado, 3 Maio de 2025

A alcaldesa visita Soutoxuste, na parroquia do Viso, para atender as demandas veciñais

O estado de alerta sanitaria impide as reunións colectivas coa veciñanza que serán retomadas en canto a evolución da pandemia o permita

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada dos concelleiros Vicente Lamas e Alberto Álvarez, visitou esta pasada semana o barrio de Soutoxuste, na parroquia do Viso, para atender as demandas veciñais e darlles solución a maior brevidade posible.

De feito, tal e como apunta a rexedora redondelá, “tan só unha semana despois fomos quen de desenvolver algunhas das peticións realizadas polos veciños e veciñas”. Entre as actuacións executadas están o bacheado dos camiños de cara a mellorar a súa seguridade, tanto peonil como rodada. Asi mesmo a concellería de Vías e Obras procedeu a realizar traballos de roza e limpeza dos viarios da zona.

Doutra banda, Digna Rivas, atendeu as demandas veciñais en canto á creación dun espazo no que desenvolver cursos e actividades socioculturais, “unha petición que será estudada detidamente polo Goberno local”.

Nestas vindeiras datas a alcaldesa redondelá continuará realizando visitas ás parroquias e mantendo encontros puntuais coa veciñanza á espera que a evolución da pandemia da Covid-19 permita realizar encontros co conxunto da veciñanza algo que, agora e por mor das medidas de seguridade sanitaria, non é posible.

A intención do Goberno e “retomar as reunións coa veciñanza nuns encontros que amosáronse como moi produtivos tanto no que atinxe a coñecer e atender as demandas de veciños e veciñas como de explicar os proxectos e iniciativas que o Goberno local ten pensado desenvolver en cada unha das parroquias”, conclúe a rexedora local.