Luns, 5 Maio de 2025

Salvaterra investirá preto de 330.000 euros en saneamento e asfaltados a través do Plan Concellos 2021 da Deputación

O Concello de Salvaterra de Miño ven de informar das inversións que realizará a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, destacando a aposta clara que fai o equipo de Goberno por seguir incrementando servizos básicos –saneamento e mellora de viais– nas parroquias do municipio onde se destina a parte máis importante do infestimento con preto de 330.000 €.

As obras a realizar serán os asfaltados nas estradas municipais de Lamas (Meder), dúas zonas no Cordeiro (Alxén), a pavimentación nos camiños da Carqueixa (Fiolledo) e Dextros (Salvaterra), a mellora de accesos a Santa Cristina e Cazán (Leirado), pavimentación en Río e Laxe (Cabreira) e Telleira (Oleiros), saneamento en Poza, Arras e Monte da Bouza (Cabreira), ampliación do saneamento en Carrascal (Fornelos) e saneamento no camiño da Manquiña e a Besada (Alxén).

Outra acción que se enmarca a través deste programa de investimentos é a adquisición de material eléctrico para alumeado público co fin de ir avanzando no cambio a led nas parroquias, substitución de postes de formigón, cableado e diversos elementos de conexión e acometidas que nos permitirán optimizar o servizo de alumeado público municipal.

Ademais a través do Plan Concellos 2021 financiárase tamén a compra do novo camión de recollida de lixo co fin de mellorar a eficiencia do servicio, a compra dunha caseta para albergar as bicicletas eléctricas que se porán en funcionamento a través da AECT Río Minho, e compraranse novos elementos de skate para incrementar a oferta da zona skatepark das instalacións deportivas da Canuda.

Doutra banda, adquiriranse varias parcelas na zona termal de Teans–Oleiros que permitan mellorar a contorna deste espazo lúdico termal de Teáns e tamén se comprará un pequeno resalido na parroquia de Alxén para poder instalar unha marquesina e no espazo recreativo de Corzans co fin de levar a cabo unha ampliación da zona recreativa.

Por último cofinanciarase tamén a través deste plan as obras  de mellora da mobilidade peonil na EP 4006 en Leirado, unha obra que mellorará a seguridade dos nenos e nenas que se desprazan diariamente ao colexio de Leirado, e que nestes momentos está en fase de licitación por un importe de máis de 200.000 €. Estas obras consistirán na mellora das condicións de seguridade e mobilidade para os peóns e vehículos, conseguida mediante a execución en dominio público dunha senda peonil nun dos seus treitos pola marxe dereita e mediante a redución de velocidade e colocación dun paso de peóns sobreelevado. A maiores, o proxecto contempla a renovación da rede de pluviais e a mellora da capa de rodadura.