Sábado, 3 Maio de 2025

Salvaterra e Gondomar decretan dous días de loito oficial polo falecemento dunha muller e a súa filla e o seu fillo nun accidente de tráfico

A finada, residente en Salvaterra de Miño, estaba estreitamente vinculada a Gondomar ao vivir, nunha das súas parroquias, parte da súa familia

Os Concellos de Salvaterra de Miño e Gondomar, decretaron dous días de loito oficial polo pasamento da María Luisa Gondell Soliño, a súa filla Daniela e o seu fillo Beltrán nun accidente de tráfico acontecido na noite do venres na PO-510 no municipio de Salceda de Caselas.

Nun comunicado da alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, sinálase que as tres forzas políticas con representación no Concello –PP, PSOE e BNG–  quixeron amosar “o seu pesar pola triste noticia da morte de tres veciños do municipio a causa dun fatídico accidente de tráfico, e trasladan as súas condolencias e todo o seu apoio á familia”. No seu escrito, o Concello de Salvaterra da conta do acordo plenario de “dous días de luto oficial, os días 20 e 21 deste mes, en todo o termo municipal, durante os cales, as bandeiras ondearán a media hasta en tódolos edificios municipais”.

Pola súa banda, o Concello de Gondomar, adoptou a mesma decisión de decretar dous días de loito oficial, unha iniciativa que pretende “er o testemuño da dor e condolencia da veciñanza de Gondomar ante este tráxico suceso no que desgraciadamente perderon a vida, María Luisa Gondell Soliño e os seus dous fillos Beltrán e Daniela, cunha vinculación estreita co municipio ao residir nunha das súas parroquias parte da súa familia”.