Sábado, 3 Maio de 2025

Salvaterra desenvolve, un ano máis, unha campaña de prevención da violencia de xénero nos seus centros educativos

Un ano máis os colexios de Salvaterra de Miño participan no proxecto Prevención da Violencia de Xénero en Educación, iniciativa posta en marcha dende o Concello de preside Marta Valcárcel e subvencionada pola Deputación de Pontevedra.

O Concello considera “que é un programa moi importante para nenos e nenas” xa que busca favorecer “as relacións de xénero saudables, baseadas na igualdade, no respecto mutuo e na liberdade individual”. Iniciativas como estas, engade o Goberno local, “permiten anticiparse ao establecemento das relacións asimétricas entre o home e a muller que supoñan o sustento da violencia de xénero nas súas distintas modalidades,  ademais de apoiar ao profesorado na educación emocional do alumnado”.

O programa vai dirixido ao alumnado e profesorado de 3º e 4º de primaria do CEIP Infante Felipe, CEIP de Leirado e CEP Carlos Casares, e nel participarán arredor de 215 alumnos e alumnas.

Todas as actividades serán presentadas e programadas xunto cos centros educativos durante o mes de novembro, uns de forma presencial e outros de forma online. No CEIP Infante Felipe as xornadas serán a semana do 2 ao 6 de novembro, xoves e venres, a semana do 9 ao 13 de novembro, xoves e venres, e a semana do 16 ao 20 de novembro, xoves e venres ; o CEP Carlos Casares os mércores 11, 18 e o xoves 26 de novembro. Sesións de 09:40 a 10:30 e de 10:30 a 11:20; e por último CEIP Leirado (online)martes 3, 10 e 17 de novembro de 10:00 a 10:50 con terceiro e de 10:50 a 11:40 con cuarto.

Ademais este programa inclúe como novidade a elaboración dun vídeo onde se mostrarán esas accións e obxectivos a cumprir, que se irá elaborando de aquí a finais de curso.

“Con iniciativas como estas o Concello pretende que os nosos nenos e nenas obteñan unha educación baseada na integración, igualdade e respecto”.