Sábado, 3 Maio de 2025

Salvaterra compra o edificio da Antiga Cámara agraria para reconvertelo en Casa da Música

O Concello de Salvaterra de Miño vén de facer efectivo o pago da primeira anualidade da compra do antigo edificio da Cámara Agraria para a súa reconversión en Casa da Música. O Pleno da Corporación Municipal, por unanimidade, aprobou esta operación que ascende a 115.522,03 € que serán aboados en catro anualidades.

Con esta actuación o Concello de Salvaterra recupera, por unha banda, un inmoble que pese a non estar catalogado ten un grande interese tanto histórico coma sentimental para o municipio e, por outra banda, permite que os 200 nenos e nenas que agora mesmo ten a Escola de Música e que están repartidos en diferentes espazos municipais, poidan contar cunha instalación adecuada.

Nesa liña, a alcaldesa Marta Valcárcel sinalou que o Concello está “ultimando o proxecto de rehabilitación interior do inmoble”.