Xoves, 20 Marzo de 2025

Marta Valcárcel presenta o programa de actividades «Vive agosto en Salvaterra»

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, vén de presentar a programación que, durante o mes de agosto, ofrecerá o Concello e que se desenvolverá baixo o lema «Vive agosto en Salvaterra». A programación cultural presentada, como xa é habitual no concello fronteirizo, é “variada, para todos os gustos e idades, un programa feito e pensado para desfrutar en familia”, sinala a rexedora local. Valcárcel subliña o feito de que é unha “programación cultural de calidade, con propostas diversas e cargada de actividades e festas”.

Cine, concertos, folclore internacional, folk, música, humor, Bandas de Música e gastronomía terán o seu espacio neste «Vive agosto en Salvaterra» que como Marta Valcárcel asegura “acada unha dimensión transfronteiriza a través da Eurocidade Monção–Salvaterra”.

A programación deste amplo programa cultural iníciase, un ano máis co Festival de Bandas que terá lugar o día 27 de xullo. O luns 29 de xullo, no Recinto Amurallado, veciñanza e visitantes poderán gozar doutro clásico dentro da programación cultural estival de Salvaterra de Miño: o festival O Mundo A Danzar.

Xa o xoves 1 de agosto, será a quenda dos grupos de Baile Moderno do Casal, Baile Hip–Hop Casal e grupo Vai de Baile de Lira. O venres 2 de agosto, na prazas do Concello, celebrarase o festival da A.C. Pontenova.

Son da Muralla, outra cita habitual do verán de salvaterra e considerado xa como o maior festival DJ de Galicia ao aire libre, chegará á vila fronteiriza o sábado 3 de agosto no marco excepcional que ofrece o recinto amurallado.

O mércores 7 de agosto os máis cativos poderán desfrutar da Festa da Espuma no Parque Público A Canuda.  O xoves 8 de agosto chega o teatro coa comedia de «Circo Chosco» Riscando o Ceo.

O venres 9 de agosto, será a quenda da música coral e de banda, coa actuación conxunta das corais do municipio acompañadas pola Banda de Música de Salvaterra, actuación que terá lugar na Praza do Concello.

O sábado 10 de agoso, a música dos 60, 70 e 80 será a protagonista con Imos De Guateque, unha iniciativa que cada a no vai a máis e na que, as persoas que acudan caracterizados da época, participarán no sorteo dunha viaxe. O mércores 14 de agosto, os nenos e nenas volverán a ser protagonistas coa actuación de Coliño Bailongo e espectáculo infantil Canta Baila con «A Guagua Animación». O xoves 15 e venres 16 de agosto o cine ao aire libre chega a Salvaterra coas proxeccións, na Muralla, das películas infantís Los Increíbles 2 e Leo Da Vinci, Misión Mona Lisa.

Finalmente, como previa á Festa do Viño do Concado, o luns 19, martes 20 e mércores 21 de agosto terán lugar os cursos de Cata, con prazas limitadas polo que é precisa inscricióin previa. O punto e final a este «Vive agosto en Salvaterra» o poñerá a Festa do Viño do Condado do Tea, que, con esta, chega a súa 60 edición. Viño, música, gastronomía danse a man nunha conxunción perfecta que fan desta celebración, unha das mellores de Galicia. A música correrá a cargo dos concertos de Lys Pardo, La Supersonic, Budiño, Monoulipus Dop, 2con2 e 21 Gramos.