Sábado, 3 Maio de 2025

Comeza a prestar actividade o Servizo de Atención Temperá agrupado de Salvaterra, Arbo e Crecente

A agrupación de Concellos formada por Salvaterra de Miño, Arbo e Crecente, beneficiarase do servizo de atención temperá que esta semana bota a andar. Prestará os seus servicios á poboación de 0 a 6 anos, ás súas familias e ao seu entorno co obxectivo principal de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan as nenas e nenos con trastornos no seu desenvolvemento, ou que teñen risco de padecelos, a través de tratamentos globais e individuais impartidos por un equipo multidisciplinar.

A unidade, integrada na Rede Galega de Atención Temperá, está formada por un equipo especializado composto por tres profesionais do ramo da psicoloxía, fisioterapia e logopedia e as usuarias e usuarios serán derivados polos servizos de saúde do SERGAS.

Trátase, explica a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, “de achegar un recurso de tanta importancia e de calidade á infancia da poboación rural”.

Os concellos apostan por este modelo baseado na prevención, na identificación e tratamento precoz, co fin de dar resposta ás necesidades específicas que poidan presentar estas e estos menores.

No caso de Salvaterra, a atención levarase a cabo os martes en horario de 9.00 h a 14:30 h e os xoves, de 9:00 h a 14:30 h e de 16:00 h a 18:00 h, ubicándose no propio edificio do Concello.

A unidade de atención temperá conta co apoio apoyo da Xunta de Galicia financiando o 90 % do seu custo e o resto finánciase con achegas dos distintos Concellos participantes, non supoñendo custo algún para as familias usuarias da mesma.