Sábado, 3 Maio de 2025

As alcaldesas de Salceda e Salvaterra piden á Xunta a creación duna praza de pediatría compartida para atender a ámbolos dous concellos

As acaldesas de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira e Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, veñen de remitir unha solicitude conxunta á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, na que se pide a creación “dunha nova praza de pediatría compartida” entre os dous concellos “e a dotación do mencionado persoal de xeito urxente”.

No seu escrito, as rexedoras locais lembran que tanto Salceda de Caselas coma Salvaterra de Miño “veñen experimentando nos últimos anos unhas elevadas taxas de nacementos, que os sitúan nunha media de 100 nacementos por ano”.

Marta Valcárcel e Loli Castiñeira continúan explicando que, nestes momentos, os centros de saúde dos dous concellos “contan con cadansúa pediatrar que atende a 1.300 nenos e nenas no caso de Salceda e 1.070 no caso de Salvaterra”. Esas cifras conlevan períodos de colapso que “se solventan unicamente coa boa disposición das profesioinais” aclaran as rexedoras locais, pero en moitas ocasións “non garanten a atención de calidade que precisan os nosos nenos e nenas”, apuntan as dúas alcaldesas.

Ese incremento continuado de poboación ano tras ano fai que ámbalas dúas acaldesas coincidan “na necesidade de contar cunha nova praza de pediatría”. Dada a proximidade dos dous concellos “dita praza podería ser de xeito compartido, diminuíndo deste xeito os actuais cupos de atención que fan que, en moitas ocasións, as pediatras véxanse desbordadas e máis en situacións de pandemia como a que estamos a vivir neste momentos”, explican Valcárcel e Castiñeira.