Sábado, 3 Maio de 2025

Unha nova xornada de voluntariado ambiental xuvenil recollerá o lixo do parque forestal da Picaraña

Será este sábado 23 de abril a partir das 10.00 horas. As persoas interesadas poden inscribirse en [email protected] ou no 687 764 516

O Concello de Ponteareas organiza esta fin de semana unha nova saída de voluntariado ambiental xuvenil, coa que se busca continuar mellorando a contorna do municipio. Este sábado 23 de abril, os voluntarios achegaranse ata o parque forestal da Picaraña para retirar todo o lixo ou restos de residuos que puideran quedar abandonados por toda a zona.

O concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Miguel Bouzó, destaca a implicación e contribución das mozas e mozos ponteareáns “na conservación da nosa contorna natural e a súa participación en iniciativas que buscan poñer en valor o noso patrimonio medioambiental, así como a importancia da colaboración e do traballo en equipo para a conservación dos nosos espazos”.

A actividade comezará ás 10.00 horas e recoméndase acudir con auga, gorra, pantalón longo e cómodo, calzado con boa sola para maior seguridade, máscara e guantes, se son fortes mellor. As persoas interesadas poden solicitar información e inscribirse a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 687 764 516.