17.5 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas impulsa unha fronte social e política para lograr as melloras na...

    Ponteareas impulsa unha fronte social e política para lograr as melloras na N-120 e a creación da variante

    O Goberno reuniuse con numerosos colectivos e cos grupos municipais para definir a súa estratexia dende a unidade política e social

    A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o primeiro e a segunda tenente de alcaldesa, Roberto Mera e Chus Garrote, mantiveron un encontro con numerosos colectivos das parroquias de Ponteareas afectadas pola rede viaria do Estado na localidade, así coma cos grupos municipais.

    Con esta primeira reunión o Goberno municipal pretende impulsar a máxima unidade política e social arredor das principais reivindicacións que atinxen á rede viaria do Estado: as melloras na seguridade da N-120 e a variante que debe conectar esta vía coa A-52. A alcaldesa apelou a esa unidade e adiantou que nos vindeiros días o Goberno local manterá encontros co resto do tecido asociativo da localidade coma o sector empresarial e comercial ou a comunidade educativa. “A nosa intención é construír unha fonte social e política liderada polo Concello e que aglutine ao conxunto da veciñanza de Ponteareas para reivindicar con toda a forza dun pobo unha solución definitiva e inmediata á seguridade na N-120 e á construción da variante”, explicou.

    Na reunión marcáronse tamén as liñas mestras da estratexia a seguir. Por unha banda, esixiranse ao Goberno do Estado “compromisos claros, por escrito e verificábeis”. A rexedora sinalou que “logo de décadas de anuncios e promesas incumpridas é o intre dos compromisos concretos e detallados. Queremos un cronograma que recolla os pasos que o Ministerio vai dar, os prazos de cada unha desas fases e a concreción económica das actuacións a executar, tanto no relativo á seguridade na N-120 como na variante”.

    Cristina Fernández remitiu xa en agosto un escrito á Dirección General de Carreteras do Mitma (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana) nese sentido, pero na súa resposta o Ministerio limitouse a sinalar que a variante se atopa no trámite de avaliación ambiental e que o proxecto de seguridade na N-120 se está a supervisar tecnicamente para a súa futura exposición pública.

    “Non nos vale esta resposta, queremos prazos concretos cuxo cumprimento poidamos controlar”, advertiu a alcaldesa, quen remitiu un novo escrito ao Ministerio esixindo eses prazos. “Se non hai resposta ou se mantén a ambigüidade sen compromisos claros, Ponteareas mobilizarase coma nunca antes se fixo”, advertiu Cristina Fernández.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.