Martes, 13 Maio de 2025

Ponteareas contará con catro novos axentes para a Policía Local

O Goberno local convocará outras tres prazas durante este ano 2020

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, deron hoxe a benvida aos catro novos axentes de policía que superaron o procedemento de selección e escolleron Ponteareas como destino. Os axentes incorporaranse ao cadro de persoal ao longo do ano 2020 unha vez realicen o seu período de formación na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) así como o período de prácticas que efectuarán durante o verán no propio corpo da Policía Local ponteareán.

O alcalde Xosé Represas salientou o “novo paso no reforzamento do cadro de persoal da Policía Local” se da con estas catro novas incorporacións. Cómpre salientar que, hai uns meses, sumouse á plantilla un novo axente e durante este ano prevese iniciar o procedemento de selección doutros tres máis.

Actualmente, o cadro de persoal da Policía Local ponteareá conta con oito axentes activos e seis auxiliares temporais, o que obriga a que as e os axentes “realicen servizos extraordinarios para asegurar o mantemento dos tres turnos diarios de traballo”.

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, salientou que coa praza xa cuberta, máis estas catro novas incorporacións e as tres prazas a convocar este ano, “duplicaremos os efectivos actuais e poderemos mellorar sustancialmente este servizo fundamental”.