Sábado, 3 Maio de 2025

O PSdeG-PSOE de Ponteareas lamenta a oposición “irresponsable e mentireira” do PP ponteareán

Os socialistas aseguran que "o PP de Ponteareas está maís preocupado pola estratexia electoral do Sr. Feijoo, que por reclamarlle a Xunta de Galicia que asuman as súas competencias"

Os socialistas de Ponteareas veñen de denunciar o que cualifican de “última falcatruada” dos concelleiros do PP de Ponteareas difundindo entre o persoal municipal “a mentira de que o Goberno Municipal coa colaboración de ACIP” tiña a intención de baixarlle o soldo os traballadores “atrevéndose incluso a dicirlles que ían quedar sen paga extra”, afirma o PSdeG-PSOE.

“O PP de Ponteareas xa nos ten acostumados a súa falla de compromiso cos veciños e veciñas de Ponteareas” afirman os socialistas, pero en este proceso de gran dificultade para o conxunto da poboación “esperábamos que polo menos estivesen a altura das circunstancias, o cal lamentablemente non está sendo así”.

Estas afirmacións “interesadas son sempre denunciables”, pero na actual situación “son simplemente miserables, xa que non se pode deliberadamente trasladarlle unha preocupación inexistente o conxunto dos traballadores do concello que tan bo traballo están a facer en esta situación de dificultade que estamos a vivir”, sinala o PSOE ponteareán.

Os socialistas aconsellan que se realmente os populares están preocupados polos seus veciños e veciñas “é non pola estratexia electoral do seu líder o Sr. Feijoo, o que ten que facer e reclamarlle a Xunta de Galicia presidida polos seus amigos, que asuman as súas competencias en materia de sanidade, educación, economía é emprego, etc… xa que o que non pode ser é que sexamos os concellos os que esteamos a paliar as deficiencias da Xunta de Galicia para que os nosos veciños non queden desprotexidos”.

Finalmente, o PSdeG-PSOE de Ponteareas “invita” aos concelleiros do PP “a que recuperen a sensatez é se unan o esforzo colectivo para axudar os nosos veciños”.