Sábado, 3 Maio de 2025

O PP de Ponteareas solicitará o expediente do Servizo de Axuda no Fogar logo o Tribunal de Contratación o rexeite novamente o contrato

O Grupo Municipal do PP de Ponteareas lamenta o que cualifica de “deixamento” do Goberno local logo de que o Tribunal de Contratación “suspenda por terceira vez” todo o aprobado recentemente no último Pleno da corporación local. Os populares consideran que Goberno non é capaz de sacar adiante este contrato e que “lles interesa seguir mantendo a situación de irregularidade coa empresa á que teñen prorrogado o servizo.

Segundo a portavoz popular, Belén Villar, “hai máis de tres anos que debían sacar a licitación este contrato”. Logo, sempre segundo os populares, contratouse a unha empresa, que actualmente presta o servizo “sen publicidade, sen pregos e sen expediente de licitación”. Villa acusa tamén “do incremento nun 25 % o prezo, un custe que vai en contra dos usuarios e das arcas locais”.

O PP lembra ademais que o Goberno local non foi capaz de licitar o servizo, “cubrindo as horas que oferta a Xunta de Galicia ao noso Concello para que se eliminen as listas de espera actuais”. Belén Villar subliña que pese ao incremento de 500.000 euros a 800.000 euros e á ampliación da subvención nun 65 % , “non foi capaz de aumentar as horas que eliminarían as listas de espera actuais en Ponteareas”.  

Os populares pedirán o expediente completo e solicitan comparecencia pública dos responsables para que expliquen este novo rexeitamento do Tribunal de Contratación.