Sábado, 3 Maio de 2025

O PP de Ponteareas solicita ao Concello axudas para os gastos fixos dos autónomos mentres dure o confinamiento

Os populares presentan un engadido ás propostas por eles presentadas e aceptadas polo Goberno local

O Grupo Municipal do PP de Ponteareas presentou un “engadido” as medidas que no seu momento solicitaron ao Concello e que foron recollidas nun borrador elaborado polo Goberno local e remitido aos grupos da oposición. Agora, o PP, que agradece que se recolleran “parte das medidas que solicitamos”, fan un engadido a maiores “para mellorar o documento”.

A portavoz municipal e presidenta local do PP, Belén Villar, agradece que o Goberno local “cambiase de opinión” e acceda a que a administración local “arrime o ombreiro”.

En todo caso, Villa solicita “unhas bases máis definidas”. Pide a concelleira popular que se distinga entre as axudas “ás empresas que están totalmente pechadas e aquelas que funcionan pero miraron reducidos os seus ingresos”. Dada esa distinción, a portavoz do PP propón “unha axuda cun máximo de 700 euros mensuais para os que están pechados e 350 euros para os que  están con actividade”, explica.

Por outra banda, os populares consideran necesaria “unha simplificación na tramitación das axudas” e que non lles sexan solicitados “tantos requisitos” como esixe o Goberno local. Tampouco coinciden en que se limiten as axudas “a empresarios que teñan ou non traballadores ao seu cargo”. Belén Villar avanza que serán temas “a tratar na próxima reunión” e que esperan que o Goberno local “valore facer estas pequenas matizacións”.