O Grupo Municipal do PP vén de solicitar ao Concello de Ponteareas que se proceda a desescombrar “canto antes” distintas parcelas do municipio nas que se acumulan entullos de obras municipais. Estes “vertedoiros improvisados” sinala a portavoz popular Belén Villar, “están a xerar malestar entre a veciñanza e pode derivar en problemas de insalubridade”.
O pide o desescombro da parcela situada na Avenida Castelao que, amais do “prexuízo para a saúde”, apunta Villar, “dificulta aínda máis o problema de aparcadoiro existente no centro do municipio, en concreto nesta zona”.

Chaman tamén a atención da parcela situada na parroquia de Fontenla, próxima ao Cemiterio Municipal de Ponteareas, “na que o entullo xa supera varios metros de altura e está a xerar malestar veciñal, xa que esa zona era utilizada como un ‘parque forestal’ como área de xogo e esparexemento”.
Os populares, “alertados por un grupo de veciños” aseguran ter comprobado como nas zonas sinaladas deposítanse pedras, terra, restos de formigón, algún plástico e mesmo grandes recortes de asfalto, “que segundo a lexislación vixente de residuos tanto estatal como autonómica, no caso destes últimos, ten que realizarse a provisión destes materiais coa correspondente autorización ambiental por tratarse dun residuo perigoso”.
Pide polo tanto o PP que “se proceda inmediatamente á limpeza destas zonas e que se cumpra a lei en materia ambiental”.