Sábado, 3 Maio de 2025

O PP de Ponteareas doa o 50 % do salario para axudas a autónomos e empresas do municipio afectados pola crise da COVID-19

Os populares aseguran que seguirán achegando o 50% do salario "mentres dure o Estado de Alarma".

O PP de Ponteareas anunciou o ingreso do 50 % do salario correspondente aos meses de marzo e abril para axudas axudas aos afectados pola Covid-19. Os populares aseguran que para poder facer o ingreso “tiveron que insistir” para que o Concello lles facilitase o número de conta no que realizar dito ingreso.

Esta axuda será destinada, segundo o PP ponteareán, aos afectados pola crise sanitaria do Covid-19 en Ponteareas, “nun momento no que todo o mundo está a arrimar o ombreiro, vimos necesario estar á altura da situación” e lamentou que os demáis grupos da corporación “non se sumaran a esta baixada salarial para contribuír a axudar aos nosos veciños ”.

As críticas recibidas polo PP veñen dadas, ao entender da formación que encabeza Belén Villar, “porque non están dispostos a ser solidarios cos veciños do municipio e moléstalles que o PP cumprise este compromiso” e aseguran que “a cantidade podería ser moito maior se todos os grupos políticos aceptasen esta medida, lamentamos que non quixesen sumarse”.

Os populares seguirán descontando o 50% do salario mentres dure o Estado de Alarma. “Seguiremos facendo esta achega. Tiñamos outra opción que era doala ao número de conta habilitado polo Partido Popular tamén para axudar á causa, pero preferimos este método de doar o diñeiro ao noso municipio directamente”.