O Pleno do Concello de Ponteareas deu un novo paso na tramitación da aprobación definitiva do PXOM ao aprobar, cos votos en contra de PP e ACIP, os documentos solicitados pola Xunta de Galicia. Deste xeito o goberno dá resposta á Dirección Xeral de Urbanismo, quen detectara varios erros materiais e a ausencia dalgúns documentos que debían subsanarse mediante a intervención do Pleno.
O Alcalde sinalou que o acordo do Pleno “é un acto de trámite, unha cuestión administrativa que nada cambia respecto ao aprobado en agosto e o importante é que a Xunta está avanzando xa para aprobar definitivamente o PXOM no prazo de tres meses que marca a Lei”.
Represas lamentou que a oposición continue opoñéndose a un Plan Urbanístico que Ponteareas precisa con urxencia despois de 17 anos de parálise.